'O canteiro de Sebil', o documental sobre Xohán Xesús González, libre e en aberto

O 12 de setembro fixéronse 82 anos do asasinato deste canteiro de oficio, mestre e xornalista, pioneiro en intuír que o marxismo podía contribuír a explicar a opresión nacional de Galiza. O documental que sobre el estrearon hai 11 meses, agora pode verse en aberto.

Fotograma de «O canteiro de Sebil»
photo_camera Fotograma O canteiro de Sebil

Xohán Xesús González foi asasinado contra o muro do cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela, o 12 de setembro do 36. Irredutíbel militante por un país mellor. Fundador de xornais como Amañecer -voceiro da Unión Socialista Galega, o partido que entre 1932 e 1933 avanzou a síntese de socialismo e galeguismo- ou El País Gallego -na rúa entre 1927 e 1931-, sempre adscrito ás esquerdas -pasou polo PSOE, Izquierda Republicana ou Vanguardia de Izquierda Republicana-, encabezou o chamado Terzo de Calo, grupo de obreiros armados que intentou defender a legalidade republicana en Compostela tras o golpe de Estado de Franco.

O canteiro de Sebil é “unha ollada comunal” arredor de González. Un traballo producido por Quinteiro do Umia. Nel, entrevistas a historiadores e biógrafos altérnanse con reconstrucións dramáticas -cameo da corporación municipal de Compostela incluído- e a presenza de familiares de González e mesmo de quen o coñeceu en persoa. O Leo tamén comparece cunha estremecida versión en galego de The Partisan, popularizada no seu día por Leonard Cohen. 

Este traballo pode verse agora en aberto. 

Comentarios