O Brexit comeza agora

Hoxe faise efectiva a saída das británicas da Unión Europea. Mentres unha parte dos sectores económicos galegos, con intereses no Reino Unido, mira de esguello o Brexit, decrétase o silencio sobre o escenario que se abre no espazo comunitario. A Unión Europea deixou de ser un proxecto irreversíbel e precisa dun novo relato.
Brexit mural Imaxe paintsmith

A saída do Reino Unido da Unión Europea pon fin a un longo proceso iniciado en 2016. O trunfo dos partidarios do Brexit no referendo celebrado o 23 de xuño dese ano evidenciou as fendas existentes na sociedade británica e sacou á luz as costuras dunha formación social esgotada por décadas de políticas neoliberais e cun conflito nacional herdado desde a época do imperio. A propia xeografía electoral dese proceso, cun apoio claro á saída entre os sectores populares ingleses e o rexeitamento da cidadanía irlandesa e escocesa co obxectivo de debilitar Londres de cara a avanzar á independencia, é ben clarificadora.

O profesor de socioloxía da Universidade de Strathclyde en Glasgow e un dos intelectuais de esquerda favorábeis á permanencia na Unión Europea Neil Davidson sinalou que "non hai dúbida de que a clase obreira e os estratos populares en xeral apoiaron o Brexit. O voto por saír converteuse nun sufraxio contra a dominante do bloque histórico británico, que tiña expresado a súa preferencia por permanecer. Foi un voto contra a austeridade, a precariedade laboral e os recortes sociais, particularmente desde a grande crise de 2007".

O economista da School of Oriental and African Studies de Londres e unha das referencias intelectuais do pensamento marxista en Europa Costas Lapavitsas explicou a posición favorábel da esquerda irlandesa e escocesa a permanecer na Unión Europea "na esperanza de dar un golpe ao chauvinismo inglés e aliviar o dominio do Estado británico". Os nacionalistas escoceses tiñan moi presente como durante o seu referendo de independencia en 2014 a Unión Europea actuou a prol dos británicos e agardaban que esta posición lle ía valer o apoio de Bruxelas.

O papel dos medios de comunicación

O debate sobre o Brexit desapareceu da esfera pública tras o trunfo electoral de Boris Jhonson nos comicios de decembro de 2019. A respecto destas eleccións a escritora galega residente en Londres Teresa Barro escribiu en Nós Diario, "o que trunfou nas recentes eleccións británicas foi a vontade da xente fronte ás elites políticas e culturais e os medios de comunicación que, con moi poucas excepcións, fixeron canto puideron para que non se respectase o resultado do referendo en favor de saír da Unión Europea. A xente non fixo caso nin da prensa, nin da televisión, nin dos famosos, nin das redes sociais, e confirmou que non se arrepentira de ter votado polo Brexit e que quería a independencia".

Segundo unha parte das analistas, "o silencio informativo sobre o Brexit nos medios de comunicación europeos tras o trunfo de Boris Jhonson deixa claro a intención de agochar que a diferenza do recollido no relato oficial a Unión Europea é reversíbel".

Galiza xógase moito no Reino Unido. Malia que a exposición da economía galega ao Reino Unido é inferior á media comunitaria, até só incidir, segundo os datos fornecidos polo Consello Económico Social no seu informe de 2018, en 0,57 do Produto Interior Bruto, moi por baixo da media do Estado, superando só a Castela-León e Canarias, o seu mercado ten importancia para determinadas actividades económicas.

Pesca, téxtil, automóbil e viño son os sectores de actividade máis expostos ao mercado británico. Mentres a presenza da flota galega nas augas actualmente de titularidade británica remóntase a practicamente a hai un século, a chegada dos produtos elaborados do complexo téxtil e do automóbil é moito máis recente. Así as cousas, o Reino Unido é o cuarto destino das exportación galegas, tras Portugal, Francia e Italia, sumando un volume de negocio en 2017 de 1.420 millóns euros e representado 6,55% das exportacións netas totais no exterior.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios