Coas voces de Aida e Jasper

#ACancióndo25, acordes para chamar a unha participación masiva o Día da Patria Galega

O vídeo leva a asinatura do realizador J. Aragunde. O ano pasado, o BNG estreou a fórmula, cun tema interpretado por Alonso Caxade e Xosé Luís 'Mini' Rivas. Desta volta, na segunda edición de #ACancióndo25, é a quenda de Aida (Cuarta Xusta) e Jasper (Nao), con Sumar por Galiza, o lema co que o BNG convoca o Día da Patria Galega.  

A música para convocar as masas e para animar a mobilización do Día da Patria Galega. Esa aposta do BNG de 2017 vén para ficar. Unha opción pola criación galega. "Esa é unha 'marca da casa' dos contidos do Bloque nos últimos anos", destaca en declaracións a Sermos o responsábel de Comunicación da formación soberanista, Xavier Campos.

No retrouso de Sumar por Galiza pódense identificar os elementos que vertebrarán o discurso do BNG este Día da Patria Galega 2018: "Sumar as forzas man con man", "abrindo un novo tempo de esperanza", "este Día da Patria camiña canda nós".

O Bloque acredita que está nun bon momento e que está a reconectar coa sociedade. O vídeo mostra vitalidade e optimismo, a poucos días dun evento histórico, o 50 aniversario da primeira manifestación nacionalista durante a ditadura, un acontecimento que o BNG prepara con especial esmero. 

Comentarios