Imprimir

O BNG acusa aos populares europeos de “descafeinar” o informe de consenso da UE sobre as rías galegas

A.V | 19 de xuño de 2013

A deputada nacionalista Ana Miranda sinala que non apoiará un informe pensado “para contentar ás autoridades” e non para sanear as rías

O BNG mostrou a súa confianza en que a Comisión de peticións do Parlamento Europeo aprobe un informe sobre as rías galegas que sexa "realista e con propostas concretas que axuden a completar o saneamento integral ".

A parlamentar nacionalista Ana Miranda quer deixar ben clariño que "desde logo”, a fronte non vai apoiar un informe “descafeinado que teña como máxima aspiración contentar as autoridades e aos deputados do PP",

Rebentar o consenso

Miranda salienta que existía un texto de consenso elaborado coas achegas dos tres membros oficiais da delegación que en febreiro visitou as rías galegas, integrada polo eurodeputado do PPE Philippe Boulland, como presidente da delegación, e polas eurodeputadas Angélica Werthmann do grupo liberal ALDE e  Tatjana Zdanoka, do Grupo Verdes/ALE.

"Pero o empeño do Grupo popular en rebaixar o contido dese texto, dando maior protagonismo ás autoridades en detrimento dos peticionarios, ou a pretensión de suprimir calquera referencia á contaminación na Ría de Ferrol, ten provocado a presentación dun informe alternativo por parte de dúas dos tres membros da delegación oficial", salienta Miranda.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/o-bng-acusa-aos-populares-europeos-de-descafeinar-o-informe-de-consenso-da-ue-sobre-as-rias-galegas/20130619174015016297.html


© 2020 Nós Diario