O Bloque reivindica a vixencia da loita dos Mártires de Carral "na defensa da soberanía fronte ao centralismo"

A formación frontista conmemorou en Carral o 167 aniversario do fusilamento dos militares que en 1846 se sublevaron contra o xeneral Narváez e o tratamento como "unha verdadeira colonia da corte" que eles rexeitaban para a Galiza

photo_camera [Imaxe: BNG]


"Somos o exército desarmado do nacionalismo que ten como norte a defensa das clases populares e da soberanía", enfatizou Xavier Vence, voceiro nacional do Bloque, diante do monumento aos Mártires que hai no medio e medio da vila de Carral.

A renglón seguido, proclamou que a loita librada por estes militares, que foron fusilados en 1846 por se teren erguido en contra do xeneral Narváez e do tratamento que dispensaba a Galiza, tratándoa "como unha verdadeira colonia da corte", esa loita "segue vixente na defensa da nosa soberanía fronte ao centralismo".

Fíxoo no acto con que a formación frontista conmemorou o 167 aniversario dos asasinatos e deixando claro que o que cómpre é recuperar as reivindicacións destes cidadáns galegos que xa naquel tempo berraron "fóra estranxeiros!" contra Narváez, no discurso que Miguel Solís dirixiu ao resto dos sublevados unha vez proclamada a revolta. Este levantamento, dixo Vence, amosa "a capacidade de resistir fronte á resignación" e a necesidade de seguir a defender "a nosa capacidade de decidir por nós propios".

Comentarios