O alcalde da Coruña gasta 150.000€ nun amigábel de baloncesto da selección española

Mentres se fai este investimento nunha equipa española, os conxuntos locais que practican o deporte de base ven recortadas as súas subvencións e o montante destinado á súa promoción redúcese nos orzamentos
photo_camera A equipa española, nunha imaxe de arquivo

España-Arxentina, "un clásico da última década". Así presentou o presidente da Federación Española de Baloncesto, José Luis Sáez, o encontro amigábel que enfrontará a estas dúas equipas no Coliseum da Coruña o vindeiro 20 de xullo. O evento fica enmarcado nos preparatorios para os Xogos Olímpicos de Londres cuxa organización e realización custará 150.500 euros que pagará o Goberno local --cunha subvención da Deputación-- e que sairán dos 475.000 euros que se destinarían a torneos. Deles, 50.000 serán para afrontar o pagamento de facturas que os xogadores deixen en hoteis e restaurantes, e 88.500 representan a taxa da Federación Española.

En agradecemento ás federacións española e galega de baloncesto "pola súa sensibilidade coa cidade", o rexedor herculino, Carlos Negreira --PP--, anunciou xa que "haberá acordos futuros" porque este deporte "é unha ferramenta social que representa valores como o traballo en equipa e o sacrificio". E mentres, as axudas que ían parar ao fomento do deporte galego e de base desinchan.

Segundo as cifras que manexa o BNG da Coruña, as subvencións a atletismo e loita galega pasaron de 9.000 e 4.000 euros, respectivamente, en 2011 a 0 euros en ambos os dous casos en 2012, e as axudas que recibían os clubes locais de xadrez, esgrima e voleibol experimentaron tamén unha "drática redución" no último ano en virtude dos recortes emprendidos polo Goberno de Negreira. Así, o concelleiro nacionalista Xan Caxigal informou de que o Concello pediu o ano pasado a devolución dos orzamentos porque a cantidade destinada pola concellaría de Deportes ao deporte de base --671.500 euros-- "non era suficiente, e propuñan aumentala nun millón máis". Unha vez no poder, en 2012 o PP recurtou 76.500 euros. Tamén as subvencións sufriron unha tesourada, baixando de 190.000 a 120.000 euros.

"É curioso que o PP gaste 150.500 euros en traer a selección española de baloncesto, mentres lle dedicou nos orzamentos municipais 53.208 euros a proxectos complexos de deportes", apuntou Caxigal, lembrando que esta partida recibira nos orzamentos do BNG un total de 691.108 euros. O concelleiro do BNG informou de que o retorno dos cartos "non está garantida" tras a realización do evento no Coliseum, e considerou que o investimento no encontro da equipa española debera ir parar á promoción do deporte de base na Coruña.

Comentarios