O AGADIC convoca de urxencia dous concursos de "méritos"


A Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), dependente da Xunta de Galiza, convocou dúas prazas de 40.000 euros brutos ao ano coa lexislatura rematada e por procedemento de urxencia

Após desmantelaren o teatro durante estes tres anos de lexislatura e deixaren sen axudas e financiamento as compañías e salas do país, a Xunta de Galiza vén de convocar a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) dous concursos de méritos para seleccionar @s nov@s director@s nos departamentos de Política Audiovisual e Produción Teatral. Sendos postos de traballo estarán dotados dunha retribución bruta de 40.000 euros anuais.

Pola vía de urxencia

A convocatoria --que non se fixo pública a través de ningunha canle oficial-- data do 30 de agosto, após convocárense as eleccións nacionais e esgotar a lexislatura. Amáis diso, o tempo de presentación das solicitudes contaba cun prazo de tres días laborábeis malia fixar as propias bases da convocatoria en cinco os días para a presentación da documentación exixida.

 Contratar persoas "a dedo"

Ana Pontón, voceira parlamentar do BNG, criticou con dureza a convocatoria deste procedemento de contratación por parte dun "goberno en funcións" e exixiu a "inmediata paralización" do mesmo. Pontón, denunciou o proceder do Partido Popular ao que acusou de pretender "colocar a dedo a persoal de confianza". Para a nacionalista, este comportamento demostra a falta de "ética e respecto" polas regras de xogo nun Estado democrático e demandou ao goberno en funcións que se limite a actuar "naqueles asuntos que competen ao seu funcionamento". 

Comentarios