José Barros, traballador de Coren despedido

“Nunca imaxinei que me podían despedir simplemente por ir nunha candidatura sindical, nunca”

A CIG anunciaba o 27 de xuño a posta en marcha dunha campaña contra a represión sindical no grupo ourensán Coren após o despido dun candidato da central ás eleccións sindicais. Falamos co traballador despedido, José Barros: “Un mércores chamoume Recursos Humanos e pediume que non fose na candidatura da CIG, negueime a aceptar iso e o venres chamáronme para despedirme”.

jose barros coren despedido imaxe da CIG

Na Galiza de 2019 a actividade sindical continúa a ser albo de represión ou persecución. Unha práctica que se dá en empresas pequenas, medianas e grandes; que se produce no sector público ou privado; e que coarta e dificulta un dos dereitos fundamentais recollidos na Constitución. José Barros denuncia que o seu despedimento de Coren foi motivado por facer parte da candidatura da CIG nas eleccións sindicais. O sindicato nacionalista iniciou una campaña de denuncia, con mobilizacións (este día 9, ás 11:00 haberá una concentración Coren Grill na Rúa Eulogio Gómez Franqueira, fronte a estación de tren de Ourense) e con denuncia nos xulgados.

Denuncias que o teu despido é como consecuencia de presentarte ás eleccións sindicais pola candidatura da CIG.

Eu levaba sete anos traballando como falso autónomo. A loita que fixo a CIG, coas denuncias en Inspección de Traballo, obrigou as empresas a ter que incorporarnos ao cadro de persoal.

Traballabas para Servicarne [falsa cooperativa utilizada pola patronal do sector cárnico para ter 'falsos autónomos']?

Correcto. O un de agosto de 2018 Coren tivo que pasarnos ao cadro de persoal. Varios compañeiros e compañeiras falamos de meternos na candidatura da CIG para seguir a loitar por mellorar as nosas condicións laborais, sometidas a circunstancias como os ritmos de traballo abusivos. Decidimos dar o paso e mandamos un burofax á empresa notificando a decisión. A raíz diso a empresa xa sabe quen vai na candidatura e foinos chamando un a un.

O xefe de Recursos Humanos advertiume: “Ti saberás o que fas e ti decides: estás coa empresa ou contra a empresa”

Para que?

Pois pedindo explicacións, preguntándolles polas condicións de traballo, e tamén con ameazas e extorsións, e no meu caso, carta de despedimento.

No teu caso a xuntanza prolongouse tres horas.

Co xefe de Recursos Humanos. Dicíanme que eles non tiñan nada en contra de que eu estivese no comité de empresa mais que pola CIG non. Que se quería fose pola candidatura da empresa de toda a vida. Chegaron a ofrecerme cousas, como unha gratificación que substituíse á antigüidade, que é algo que aos falsos autónomos que nos tiveron que incorporar ao persoal non nos recoñecen, está nos xulgados. Tamén me dicía que estaba ben considerado entre os compañeiros e que sería bo que fose pola candidatura da empresa. Díxenlle que non, que se fose pola candidatura da empresa a xente xa non me tería en estima. Non lle gustou a resposta e advertiume: “Ti saberás o que fas e ti decides: estás coa empresa ou contra a empresa”. Ratifiqueime en que seguía coa candidatura da CIG e aí acabou a reunión.

Que pasou despois?

Dous días após esa xuntanza chámanme outra vez da empresa. Volven preguntarme se me ratifico na decisión de seguir na lista da CIG. Digo que si e despídenme. O motivo que alegan é que compraron unha máquina de 240.000 euros que vai facer o traballo que facía eu. O curioso é que esa máquina vai para onde eu non traballaba. Ou sexa, que estamos perante un despido encuberto por represión sindical.

O motivo que alegan para o meu despedimento é que compraron unha máquina de 240.000 euros que vai facer o traballo que facía eu. O curioso é que esa máquina vai para onde eu non traballaba

O tema está nos xulgados.

Eu presentei unha demanda por despedimento nulo e a CIG denunciou Coren por vulneración da liberdade sindical.

Notas solidariedade entre compañeiros e compañeiras, entre a veciñanza de Ourense?

Si que a noto, hai moitos apoios de xente de Ourense nas redes sociais, por exemplo. Nos repartos informativos que facemos preguntan e interésanse por saber o que pasou. Nos compañeiros hai medo. A ver, que estamos falando dunha empresa que chegou a advertir a unha parella con fillos que traballaba aquí que ou se borraban da lista CIG ou ían os dous para a rúa.

Estamos falando dunha empresa que chegou a advertir a unha parella con fillos que traballaba aquí que ou se borraban da lista CIG ou ían os dous para a rúa

Imaxinaches algunha vez verte nunha situación así?

Eu son unha persoa que se vexo unha cousa branca non trago con que se me intente facer ver que é negra. Cando estabamos en Servicarne como falsos autónomos querían obrigarnos a facer máis horas das legais e negábame, tiña discrepancias fortes cos encargados, cos xefes do equipo. Eu aí si que pensei que aínda me ían acabar despedindo. Mais por ir nunha candidatura sindical e nunha empresa grande como esta? Nunca. Nunca imaxinei que me podían despedir simplemente por ir nunha candidatura sindical, nunca. Por que tanto interese en que non estea a CIG? Por algo será.

Por que pensas ti que é?

Naquela xuntanza co de Recursos Humanos eu expliqueille os problemas que entendía había na empresa e que se deberían de solucionar: de ritmos de traballo, dificultades de conciliación familiar, falta de formación, problemas de falla de rotacións en postos de cadea para eviten problemas de saúde... Esa persoa chegou un momento en que me ensinou a lista cos nomes das persoas que ían na lista da CIG e dixo: “Este é o papel que me importa”. E mesmo afirmou que ía facer todo o posíbel para que a CIG non tivese candidatura e que se finalmente a tiña non ía haber nin a mínima mellora nas condicións laborais.

Comentarios