Opinión

Os novos inquisidores globais

Dende o século XV, e durante os inmediatamente seguintes, o imperio español utilizou a Inquisición para controlar a disidencia relixiosa nos seus extensos territorios, a única disidencia ideolóxica naquela altura que podía ameazar o incontestábel monopolio do poder monárquico. O Santo Oficio determinaba o que era canónico, tanto no pensamento como no comportamento individual. De forma especial, dedicouse a confeccionar un catálogo de obras prohibidas que ao seu xuízo contivesen ideas contrarias ás consagradas e que significasen unha ameaza ao Rei ou á Igrexa. Daquela, o invento da imprenta convertérase nun poderoso instrumento de divulgación de ideas, sobre todo das heterodoxas, que o poder imperial debía responder de forma adecuada para cortar en seco e evitar a súa propagación incontrolada. O poder sempre odiou a liberdade de expresión.

A Inquisición desapareceu no XIX, pero o poder tiránico das oligarquías proseguiu, durante o século XX, coa represión das demandas de xustiza e liberdade. Entrados no XXI, coa aparición das novas tecnoloxías da información e as redes sociais, o problema do control volve ser unha cuestión clave para o poder. Nunha primeira fase, como reclamo, as empresas tecnolóxicas promocionaron as redes sociais cualificándoas de "medio democrático de masas" no que cada quen era "libre" de comunicarse con quen quixese e expresar as súas ideas. Foi un éxito, a maioría do planeta está interconectada.

Non obstante, as novas tecnoloxías son unha arma de dobre fío, poden ser moi aditivas e alienantes, pero ao tempo instrumentos de propagación de ideas non homologábeis para o establishment. Necesitaban con urxencia cortar a difusión de determinadas opinións críticas. O problema era como facelo, sen espertar a ira dos usuarios deixando ao descuberto as súas verdadeiras intencións. Comezaron con algúns intentos de regulación e coa censura dalgunhas noticias (denominadas fakes), pero facía falta algo transcendente que demostrase a necesidade e a bondade da decisión.

E apareceu Trump, coa súas extravagancias e peculiar forma de utilizar as redes sociais, rompendo o paradigma norteamericano. Despois viñeron as súas denuncias de fraude electoral que non foron lexitimadas polo aparello xudicial nin polos medios de comunicación. Era o momento de actuar. As Grandes Tecnolóxicas (as Big Tech) decidiron que chegara o momento de amosarlle á xente que era lícito amordazar unilateralmente un "demente" (Pelosi dixit) que estivese "mentindo", aínda que fose o presidente dos EUA.

O problema desta decisión é que ningún tribunal condenou a Trump por mentir, e calquera pode discrepar dos veredictos xudiciais, sempre que non os incumpra. As Big Tech (Facebook, Apple, Twitter...) non son entidades independentes elixidas polos cidadáns para exercer de xuíces e censores. Pero quedou claro que o seu poder é incontrolábel, só obedecen as elites financeiras. E se poden censurar ao presidente dos EUA calquera pode sufrir en calquera momento e en calquera circunstancia o mesmo destino. Quen decide o que é verdade ou mentira: o Big Tech/Brother? Esta é a cuestión, e non é trivial.

Comentarios