Novos cargos contra Demirtas, ex líder da formación prokurda HDP

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos solicitara hai menos dun mes a liberación do político. Canda el, foron imputados outras 107 persoas.
demirtas
photo_camera O ex copresidente do prokurdo Partido Democrático dos Pobos (HDP) Selahattin Demirtas (Foto: Burak Kara / Europa Press)

A Fiscalía de Turquía presentou hoxe cargos contra máis de cen persoas, entre estas o ex copresidente do prokurdo Partido Democrático dos Pobos (HDP) Selahattin Demirtas, polas manifestacións rexistradas en 2014 no país en protesta pola postura de Ankara a respecto da ofensiva que Estado Islámico levou a cabo contra a localidade siria de Kobani, de maioría kurda.

Segundo informacións recollidas pola axencia estatal turca de noticias, Anatolia, os novos cargos foron presentados exactamente contra 108 persoas. A Fiscalía solicita cadea perpetua para 38, sen especificar se Demirtas está entre estas.

As protestas, que se saldaron con perto de 40 mortos, desenvolvéronse entre o 6 e o 8 de outubro de 2014. Os manifestantes saíron ás rúas para denunciar o que consideraban unha inacción do Goberno turco ante a ofensiva. O Executivo acusou o HDP de incitalas.

Demirtas, quen foi candidato do HDP ás eleccións presidenciais de 2014, está encarcerado desde 2016 á espera de xuízo por numerosos cargos de "terrorismo". O político foi condenado en setembro de 2018 a catro anos e oito meses de cárcere por "propaganda a favor dunha organización terrorista".

Petición do TEDH

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) pedira hai poucos días, o 22 de decembro, a "liberación inmediata" de Demirtas, salientando que as autoridades violaran numerosos dos seus dereitos durante a detención, algo que foi criticado duramente polo presidente turco, Recep Tayyip Erdogan.

"O TEDH debe saber que agora defende un terrorista. Se non o sabe, continuarémolo dicíndo", manifestou na altura o presidente turco, que argumentou que o ex copresidente do HDP "é culpábel ante os ollos da xente". "É o asasino de Kobani, é o asasino de 53 mozos en Diyarbakir. Foi o que chamou os meus irmáns kurdos a saíren ás rúas, e é responsábel da súa morte [pola represión das protestas por parte das forzas de seguridade]", sentenciou.

As autoridades turcas detiveron miles de persoas durante os últimos anos polos seus supostos lazos co Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), incluídos destacados políticos do HDP ─a terceira forza política do país─ que foron imputados e xulgados por supostos cargos de "terrorismo".

Por outra banda, o Exército turco intensificou as súas operacións contra o PKK tanto no país como no norte do Iraq ─onde a formación conta con numerosas bases─ desde que ficou roto o cesamento do fogo entre o Goberno e o grupo armado en xullo de 2015.

Comentarios