Imprimir

Un novo vertedoiro ameaza a comarca de Ordes

M. Obelleiro | 26 de agosto de 2016

A empresa Reciclaje Ambiental Lesta S.L. pretende instalar na parroquia de Lesta (Ordes) un vertedoiro de residuos industriais de construción e demolición nun terreo con zona húmida de xunqueira e con dúas especies de ras protexidas. A veciñanza teme que os lixiviados provoquen a contaminación das augas.

Sobre a comarca de Ordes pesa unha nova ameaza en forma de vertedoiro que pode sumarse ao de Areosa (Cerceda), que xestiona os refugallos de Sogama, e á planta de Gesuga (Cerceda), onde se incineran restos cárnicos. Nesta ocasión trataríase dun vertedoiro de refugallos non perigosos derivados da construción e da demolición e situaríase nun terreo da parroquia de Lesta (Ordes).

O anuncio da construción deste vertedoiro -cunha vida útil de 20 anos-, mobilizou a veciñanza de Ordes, que xa promoveu unha campaña de recollida de sinaturas contrarias a unha instalación que podería danar as augas. Alexia del Río, membro da Asociación de Veciños da Parroquia de Santo André de Lesta e bióloga, explica en declaracións a Sermos Galiza os prexuízos que podería representar o vertedoiro, “no terreo nacen multitude de fontes que verten as augas á depresión inferior da leira, formando unha zona húmida de xunqueira cun pequeno regato, e hai multitude de pozas. Nese hábitat críanse dúas especies de ras catalogadas como vulnerábeis”.

Alexia del Río: "Nun vertedoiro é imposíbel o selado completo, de aí que pensemos que os lixiviados poidan acabar contaminando as augas"

A bióloga faise eco do temor da veciñanza arredor da contaminación da auga. “As augas desa finca van dar ao rego de Lesta, que é afluente do río Lengüelle e este, á súa vez, vai dar ao Tambre, do que se abastece parte da cidade de Compostela. Por iso dicimos que o impacto deste vertedoiro vai alén de Ordes”, indica. Tamén advirte de que “nun vertedoiro é imposíbel o selado completo, de aí que pensemos que os lixiviados poidan acabar contaminando as augas”.

A veciña desta parroquia, que aposta noutro modelo de xestión de residuos enfocado á reciclaxe, sinala que o vertedoiro pode derivar en “consecuencias moi graves polo tipo de residuos, pois a maioría da xente de aquí vive do gando e moitos refugallos poden acabar sendo incorporados á dieta dos animais”.

Unha tramitación irregular

Reciclaje Ambiental Lesta S.L, con domicilio en Cerceda, xa pretendera no ano 2012 instalar o vertedoiro no mesmo terreo, mais a Consellaría de Medio Ambiente desbotara a solicitude de autorización ambiental integrada, precisamente por contar o terreo cunha zona de regatos na que habitan especies “vulnerábeis” recollidas no Catálogo de Especies Ameazas. Porén, a empresa volveu presentar en maio de 2016 unha nova solicitude e o DOG publicou o 1 de xullo o anuncio polo que se sometía a información pública a solicitude de autorización ambiental.

“Por casualidade unha persoa soubo do anuncio o penúltimo día para a presentación de alegacións e cando ficaba un día para a finalización do prazo a Xunta retirara da páxina web a documentación e acabara coa posibilidade de presentar alegacións ao documento”, sinala Alexia del Río.

A noticia da instalación do vertedoiro en Lesta provocou unha vaga de protestos na veciñanza, que emprendeu unha campaña de recollida de sinaturas contra o proxecto. Aliás, o  Grupo Municipal do BNG presentou unha moción co fin de que o Concello se pronuncie en contra da instalación do vertedoiro.

Pablo Vidal (BNG): "O último día de exposición pública, toda a documentación foi retirada da web da Xunta de maneira prematura"

Pablo Vidal, portavoz nacionalista en Ordes, confirma, en declaracións a Sermos Galiza, que “o 6 de agosto, o último día de exposición pública, toda a documentación foi retirada da web de maneira prematura”. “Na iniciativa do BNG, ademais de pedir que o Concello desbote a instalación do vertedoiro, pedimos que Medio Ambiente resolva ese defecto de forma”, indica. Pola outra banda, o BNG de Ordes contará esta tarde coa visita de Ana Miranda, representante da formación nacionalista en Bruxelas, que se comprometerá a levar a Europa a problemática dos vertedoiros na comarca.

Fontes municipais confirmáronlle na mañá da sexta feira a Sermos Galiza que o Concello convocará ao longo da xornada un pleno extraordinario para o día 31 de agosto a petición do Grupo Municipal do Bloque.

Medio Ambiente confírmalle a Sermos Galiza que abrirá de novo á exposición pública toda a documentación

Pola outra banda, a Consellaría de Medio Ambiente informou a Sermos Galiza de que a retirada da documentación na páxina web un día antes de que rematase o prazo foi provocado por un “erro informático”. A Xunta aseguroulle a este medio de comunicación que a próxima semana resolverá o problema e permitirá a exposición pública a e presentación de alegacións.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/novo-vertedoiro-ameaza-comarca-ordes/20160826114818050511.html


© 2020 Nós Diario