Positivas e a Xunta publican 'Neorretranca e posmorriña'

Novo teatro para “unha Galiza posíbel”

Son os textos base da ultima montaxe do Centro Dramático Galego. Obra de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte, agrupados como Neorretranca e posmorriña, propoñen unha lectura humorista e aguda desde rexistros diferentes da “Galiza máis alá dos tópicos”. Así o explica quen dirixiu a montaxe, Gena Baamonde, no limiar ao libro das pezas publcado por Positivas e a Xunta.
 

neorretranca_e_posmorrina_11
photo_camera Imaxe de 'Neorretranca e posmorriña'. Foto: CDG.

“Posmorriña no horizonte, imaxinación dunha Galiza posíbel que aínda non coñecemos e que, así e todo, non deixamos de estrañar”, escribe Baamonde, “saudades dun territorio aberto e por explorar”. E para o que Roi Vidal Ponte (Santiago de Compostela, 1982) e Esther F. Carrodeguas (Rianxo, 1979) dispoñen diferentes ferramentas dramatúrxicas.

O primeiro é autor de Boisaca ou a divina desgraza, composición formalmente máis clásica, con personaxes e diálogos, “humor negro en cemiterio turístico nun tour completo polos límites da vida”. A segunda, de Fantasía nº5 en sol ou non, materiais posdramáticos, próximos á  poesía, “sinfonía aberta ao xogo escénico, catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer” tituladas como emblemas da literatura galega: De catro a catro, Longa noite de pedra, A esmorga, Poesía última de amor e enfermidade.

Xuntas nunha montaxe, estreada o pasado abril en Compostela, enfróntanse, explica Gena Baamonde, á “identidade galega como concepto inaprensible, como acción non rematada, como busca incesante”. Neorretranca e posmorriña é o resultado do programa DramatUrxente de “apoio á dramaturxia galega contemporánea”, iniciado en 2015 no Centro Dramático Galego baixo a dirección e Fefa Noia. Os dous traballos que inclúe foron redactados no seu grupo de traballo de dramaturgos e dramaturgas coordinado por Manuel Lourenzo.  

O elenco da obra formárono as actrices Ánxela Blanco, Artea Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde. Da escenografía encargouse Marta Pazos, da iluminación Wilma Moutinho e do vestiario Saturna. As vindeiras funcións serán en Tui (10 de maio, Teatro Principal), Pontevedra (17 de maio, AFundación), A Coruña (24 e 25 de maior, teatro Rosalía de Cstro), O Barco de Valdeorras (31 de maio, teatro Lauro Olmo), Rianxo (14 de xuño, Auditorio Municipal).

Comentarios