Opinión

Novo Plan Forestal. Palabras que leva o vento

 

En materia de política forestal, xa ninguén acredita en plans da Xunta de Núñez Feijoo. Todo o mundo sabe que quen fai os plans son Ence, Finsa e as demáis multinacionais de desintegración da madeira. Tampouco sorprende que o presidente Feijoo teime en facernos crer que o novo plan forestal vai servir para algo. O que sí é sorprendente é que persoas que deste tema saben non pouco, como o portavoz parlamentar do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, metan de cabeza a este partido no teatro. Avisamos, de entrada, que este artigo non pretende analisar as propostas do novo plan forestal. Desde o principio, afirmamos que son un engano. O acordo entre PP e PSOE na comisión do lume, un tongo. E a previsíbel aprobación da reforma un paripé. Non sendo nas intencións usurpadoras do monte viciñal, no panorama actual dos montes non vai mudar ren se previamente non mudanos resultados das urnas.

Nun espazo económico e de mercado da madeira como Galiza, onde se encontran consolidadas estruturas, dinámicas e lealtades próprias dos lobbys oligopolistas, a política forestal é, na prática, inexistente, excepto para reforzar o statu quo. 

 

A tese é a seguinte. Nun espazo económico e de mercado da madeira como Galiza, onde se encontran consolidadas estruturas, dinámicas e lealtades próprias dos lobbys oligopolistas, a política forestal é, na prática, inexistente, excepto para reforzar o statu quo. É o mercado e a súa dinámica os que retroalimentan as inércias observadas. A principal, aquela que consiste no constante e crecente afortalamento das producións de madeira de crecimento rápido para desintegración, porque no mercado existe unha elevada demanda desta matéria prima e non hai vontade política para que a administración autonómica competente exerza como axente regulador ou compensador de tal efecto, principal causa do deterioro ecolóxico xeralizado dos montes de Galiza que miran para o mar. Isto xa o descreveu Albino Prada hai muitos anos na súa tese de doutoramento. E Leiceaga sábeo ben (1) (2). Mentres non se avance con pasos firmes na construción de instrumentos, directrices, estratexias e normativas soberanas que doten de capacidade ás iniciativas transformadoras, o cal implica lembrarlle aos actuais axentes que orientan a política forestal cales son as regras do xogo democrático, repito, mentres isto non se dea, calquera iniciativa será un brinde ao sol. Agás as referéncias ao monte viciñal, que perseguen o reforzamento das posibilidades de inxerencia e intervención usurpadora (3), o resto, papel mollado.

Ante esa persistente e obstinada realidade, eu diría que proporcional en magnitude ao sentido do voto deste noso país, a elaboración de plans e memorándums non ten outro obxectivo máis que o de aparentar. Estes documentos adoitan ir carregados de retórica tecnócrata, vertebrada através dunha nova formulación, na que se prioriza a visualización de supostos eixos, liñas de actuación, metas operativas e medidas concretas, todas elas acompañadas dos correspondentes cronogramas e asignacións orzamentares. Con frecuéncia, as descricións e diagnósticos son  acertados. Pero é no apartado das propostas, na planificación milimétrica do gasto e na definición tan nítida de eixos e liñas de actuación cando o documento desvenda a súa natureza imaxinativa e farsária. Un aliño extravagante. Un fenómeno paranormal. A sublimación das  realidades paralelas e a súa proxección como dogmas de fe. Desde logo, diremos como colofón a esta introdución, é algo coerente coa mentira e a verborrea própria de personaxes políticas que non se inmutan nen cando lle prende lume nos pés.

O fracaso do plan forestal

Para poder entender o que se pretende con esta “moderna” reforma do Plan Forestal, deberemos previamente deternos na pescuda dos obxectivos acadados polo plan orixinal de 1992, se é que algún acadou. Vamos centrarnos no incumprimento de algo tan prioritário para os autores daquel plan como as denominadas “metas operativas”.

No relativo a producións anuais de madeira, pois o plan era claramente forestalista e centrábase case de xeito exclusivo na silvicultura, o documento marcaba como obxectivos 2.000.000 m3 de madeira de frondosas caducifolias, 7.000.000 m3 de madeira de coníferas e 5.000.000 m3 madeira de eucalipto. Óbviamente, só se alcanzou, e con creces, a última cifra.

Mentres non se avance con pasos firmes na construción de instrumentos, directrices, estratexias e normativas soberanas que doten de capacidade ás iniciativas transformadoras, o cal implica lembrarlle aos actuais axentes que orientan a política forestal cales son as regras do xogo democrático, calquera iniciativa será un brinde ao sol.

 

No que se refire ás superfícies, o documento consideraba como referéncia do modelo de monte acadar 219.000 hectáreas de castiñeiro, 334.000 hectáreas de piñeiro pinaster e 245.000 hectáreas de eucaliptos. Novamente, a dinámica orientou as producións e as superfícies, de maneira que hai anos que se ten superado as 300.000 hectáreas de eucalipto, mentres que as outras superficies están a anos luz de acadarse. Neste ponto, compre salientarmos a evolución recente das superficies actuais de castiñeiro e piñeiro, para evidenciar o “éxito” do plan forestal nestas metas operativas. Acontece que, de 1998 a 2010 (cifras do 3º e do 4º Inventario Forestal Nacional), a superfície ocupada polo castiñeiro pasou de 45.500 hectáreas a 46.455, un incremento de tan só 955 hectáreas, cando no plan de 1992 se contemplaban incrementos quinquenais por forestación de terras agrárias, ao longo de catro quinquénios, de 4.300 hectáreas (un total de 17.200 hectáreas en terras agrárias). E o piñeiro pinaster pasou de estar presente en 383.000 hectáreas en 1998 a 217.000 en 2010.

En canto a emprego e integración económica das producións, o plan contemplaba como meta operativa para 2028 acadar 35.000 empregos en aserradoiros de piñeiro. Se en 1991 había 705 aserradoiros, en 2015 só restaban 265, con 1.948 traballadores ocupados. A este ritmo, fican mui lonxe eses 33.000 empregos que restan.

Mesmo en algo tan íntimo como na consolidación dunha Administración Forestal Galega, o plan forestal de 1992 colleitou un rotundo fracaso. Os seus redactores, entre outros Francisco Dans e Ángel Romero, para reivindicar a concentración de competéncias en matéria de xestión forestal, permitíronse citar como referente a Paulino Martínez Hermosilla, director do Patrimonio Forestal do Estado no decénio dos 50, cando se perpetraron as maiores masacres forestalistas. Un enxeñeiro de montes que, posteriormente, foi pioneiro niso das portas xiratórias como director xeral de Sniace, a celulosa cántabra.  Entre outras perlas, os redactores afirmaban que “aspectos claves como a investigación ou a formación forestal continúan na actualidade funcionalmente afastados da organización sectorial e con obxectivos pouco adecuados ás necesidades do sector”, quizás por aquilo de inocular de forma sistemática e sen veleidades ecolóxicas o virus da eucaliptose. No documento marcaban 11 metas operativas, que contemplaban desde a organización comarcal da administración, até a formación dun equipo altamente cualificado para a xestión da fauna, da caza e da pesca fluvial, pasando pola criación das condicións necesárias para a xestión adecuada dos montes viciñais, a mellora xenética das espécies forestais principais (3.300 millóns de pesetas..!) ou involucrar a sociedade galega na mellora dos montes. A mellora xenética do eucalipto faise en Austrália e, por poñer un exemplo, 1 kg de semente certificada e mellorada de Eucalyptusnitens importada das antípodas custa 5.000 euros. A intencionalidade manifesta en orientar, perturbar e intoxicar as comunidades de montes compréndese se por “criación das condicións necesárias para a xestión adecuada” destes montes se entende a súa entrega ás multinacionais da celulosa. E da fauna, a caza e a pesca, acabamos de ver na folga dos axentes medioambientais cómo se trata de consolidar a súa tradicional marxinación, desprezo e humillación como axentes de autoridade e primeiros intermediários da Administración cos cidadáns do medio rural. Asistimos, nos últimos anos, ao adelgazamento de todas as súas funcións: policial, técnica e de asesoramento, de xestión ou administrativa.

O plan contemplaba como meta operativa para 2028 acadar 35.000 empregos en aserradoiros de piñeiro. Se en 1991 había 705 aserradoiros, en 2015 só restaban 265, con 1.948 traballadores ocupados. 

 

No capítulo de investimentos reais en adquisición de terrenos, para a criación da rede de parques periurbanos e espazos sensíbeis, o plan estimaba o investimento preciso para adquirir unha superfície de 9.000 hectáreas destinadas a parques periurbanos e de 50.000 hectáreas para espazos sensíbeis. O cálculo era dun gasto de case 40.000 millóns de pesetas. Non é preciso aquí concretar o gasto real executado nesta matéria polo PP en todos estes anos. Sobran muitos ceros para contar as hectáreas compradas polos seus sucesivos gobernos. 

Nun dos obxectivos que debería concentrar maior esforzo, o da mellora da estrutura da propriedade forestal, mediante a concentración parcelária e o fomento do asociacionismo, despois dunha análise ben superficial da cuestión, o plan inclinábase polo modelo mixto de impulsar a concentración da propriedade e o asociacionismo dos proprietários, porén, nenorzamentabanen planificaba medidas concretas de actuación. Unha renúncia de entrada a un dos obxectivos máis necesários no panorama dos nosos montes.

Por qué unha reforma do plan forestal?

Ao principiar este texto xa afirmabamos que ninguén acredita xa na soberanía da política forestal. Obviamente, a pesar do descrédito, na parróquia popular sempre hai quen confía na palabra do chefe e do partido. Quizás para manter ese engano, son necesários os dispéndios neste tipo de documentos, que ofrecen á opinión pública a imaxe dunha prudente, moderadora e eficiente xestión e planificación do recurso “monte”, fronte ao discurso acusatório da oposición perante a contundéncia dos factos. Un documento deste tipo tamén opera como unha espécie de grande mantra para o sector, que interpreta que as nubes negras ameazadoras pasaron xa para o forestalismo, e toca outra vez lanzarse á depredación dos montes, o mesmiño que aconteceu en 1992 tras a aprobación daquel plan. O triste é que haxa cadros políticos con coñecimento da matéria dispostos a participar en enredos. Como nese ano 1992, en que o PSdeG prestou apoio ao PP para aprobar o plan forestal, ao que parece, acontecerá novamente con esta farsa.

Mais o PSdeG erra no seu posicionamentoneste debate. E subestima o seu valor eleitoral. A sociedade galega é consciente do estado de catatónia dos nosos montes, da terríbel ameaza que representa o abandono para aldeas, vilas e mesmo arrabaldes de grandes urbes. Existe un asentimento case unánime de que é preciso mudar radicalmente a situación. Afortunadamente, ese convencimento é transversal na sociedade galega non fanatizada e é percebido como unha ameaza para os industriais e produtores máis recalcitrantes do sector. Apoiar un plan, este ou outro, sen negociar antes outras urxéncias, sería alinearse con ese mundo. Cando en Portugal comezan a pór limites á expansión do eucalipto e á dependéncia desta espécie na silvicultura, non sería comprensíbel que ao norte nos perdésemos na retórica, na vacuidade e na farsa, no canto de avanzar na normativa que permita conxugar os verbos regular, ordenar, restrinxir, valorizar, diversificar, protexer e conservar. Pediría ao PSdG, portanto, menos retórica e máis prática e a Leiceaga, menos alarde e máis realismo.

(1) Prada Blanco, A. (1991): Montes e industria. O circuito da madeira en Galicia. 302 pp. Fundación Caixa Galicia, Vigo.

(2) para unha descrición detallada do proceso histórico vivido, ver De Carballosa para Eucaliptosa (IV). https://www.sermosgaliza.gal/opinion/pedro-alonso-iglesias/carballosa-eucaliptosa-iv/20160723135804049743.html

 (3) ver X. A. Pereira, “Revisión do Plano Forestal de Galiza: a polo monte vecinal”. https://www.sermosgaliza.gal/opinion/xose-alfredo-pereira-martinez/revision-do-plano-forestal-galiza-polo-monte-vecinal/20180130200158065555.html

Comentarios