O novo orzamento europeo augura malas novas para Galiza

A saída de Reino Unido supón 12.000 millóns de euros menos para as arcas comunitarias. O que unido ao cambio de prioridades na UE (atrás fica a cohesión, as preferencias agora pasan pola seguridade e a inmigración) anuncia tesoiradas importantes para Galiza.  

Sede da Comisión Europea en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)

A Comisión de Europa presentou o Marco financeiro plurianual, é dicir, a súa proposta de orzamento europeo para o período 2021-2027. Unha proposta na que hai recortes en fondos tan significativos para Galiza como os da PAC (Política agraria común) ou os de cohesión. No primeiro caso, de por volta de 5% e no segundo de 7%. Ambos os dous son fondos que supoñen para Galiza unha importante inxección de recursos monetarios.

Falla por coñecer o impacto concreto desas tesoiradas para o noso país. Mais nunha primeira valoración, as distintas formacións xa mostraron a súa preocupación. Ana Miranda, eurodeputada do BNG, afirmou que “non queremos arranxos contabilísticos que reduzan as políticas de cohesión”, alertou do “forte impacto” que para o noso país traerían os recortes e anunciou que o Bloque “traballará para que [os recortes] non se produzan”.

 A eurodeputada Lidia Senra (AGEe) denuncia que desde a Comisión se está a apostar en “empregar os cartos en machacar as vítimas das súas propias políticas económicas”. Denuncia o “desvío” de orzamento público, con recortes en pesca e agricultura, a favor da industria militar.

Os recortes son malas novas”, manifestou o eurodeputado socialista José Blanco, que considera que o orzamento proposto pola Comisión parte dun “erro na análise de prioridades” ao marxinar os fondos para políticas de cohesión. Apela a “manter o financiamento” en políticas comúns de agriculura e pesca.

Intereses

A proposta de orzamento parte de dúas chaves. Por un lado, o ‘Brexit’. Reuno Unido deixa un burato nas contas comunitarias de 12.000 millóns de euros. E o resto os Estados non está polo labor de poñer cartos dos seus petos para suplir esa cantidade. A isto engádese que Bruxelas está nun cambio de paradigma: a cohesión xa non é a bandeira do discurso da UE, xa non é o ‘motor’ que antes apelaban para os fondos. Agora as prioridades son defensa e inmigración, que engolen máis recursos.

Desde Farm Europe, unha organización de análise da política agrícola comunitaria que cita campo galego, calculan que a PAC perderá un 7,2% do presuposto no periodo 2021-2027 e un 11,2% a partir do 2027.

O orzamento comunitario debe ser aprobado por unanimidade entre os estados da UE, ademais de ter a aprobación do Parlamento Europeo. Por conseguinte, espérase unha forte negociación nos próximos meses, algo que era previsíbel após a división entre os estados membros favorábeis a aumentar o orzamento da UE e os que apostan en reducilo.

Comentarios