O novo número de ‘Coñecer’ rescata figuras como a de José Darriba e Sebastián Pena, represaliados polo franquismo

O novo número do suplemento Coñecer, que atoparás este sábado 23 de xaneiro nos quiosques xunto con Nós Diario, rescata a figura de José Darriba Puente, nunha achega de Alicia Garrido sobre a represión franquista en San Clodio de Ribas de Sil. Carlos Méixome recupera Sebastián Pena, mestre republicano vítima da desmemoria, mentres que Héitor Picallo propón una viaxe ao escudo galego nos gravadores italianos do Renacemento. Estes e outros artigo, este sábado, co suplemento Coñecer.

Capa do caderno 'Coñecer' do sábado 23 de xaneiro
photo_camera Capa do caderno 'Coñecer' do sábado 23 de xaneiro

Este sábado 23 de xaneiro, Nós Diario trae un novo número do semanario Sermos Galiza e tamén do caderno Coñecer, no que Alicia Garrido achega a figura de José Darriba Puente, fusilado a canda 11 veciños de Ribas de Sil o 11 de maio de 1937.

Sebastián Pena ou a memoria traizoeira é o artigo en que Carlos Méixome repara neste profesor republicano e vítima da memoria, pois nada ten que ver con quen se lle confunde, Manuel González Pena, xefe dos represores no Val de Miñor.

Esta nova entrega de Coñecer inclúe O escudo da Galiza nos gravados italianos do século XVI, artigo de Héitor Picallo, unha viaxe ao escudo galego nos gravadores italianos do Renacemento.

Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio en Pontevedra reflexiona nunha entrevista sobre as campañas de recuperación da memoria e posta en valor na cidade do Lérez, nun suplemento que repara na maxia da poesía e a arte na obra de Daniel Caxigueiro, da man de Mercedes Rozas.

Tamén escriben nesta nova entrega referentes do activismo e da memoria como Paula Verao, sobre o castro da Mota; Montse Fajardo, que achega unha das últimas cartas do alcalde de Bueu Johan Carballeira, horas antes de ser asasinado polos franquistas; Xosé Álvarez Castro escribe sobre as actividades das Mocidades Galeguistas. Atoparás tamén E Cela marchou rico, artigo de Xosé L. Pastoriza Rozas, e A ‘Toguna’ ou Casa da Palabra, do poeta Lois Diéguez.

Comentarios