Cultura

O novo modelo de compra do libro de texto prexudica as librarías

A Federación de Librarías da Galiza manifesta o seu malestar
libros

A Federación de Librarías da Galiza manifestou onte a través dun comunicado o seu "profundo malestar polo cambio de criterio" da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional no referente á regulación do fondo solidario de libros de texto e material escolar destinado á educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial  para o curso 2020/2021.

A entidade mantiña a esperanza de que se conservase o procedemento fixado até a data para a xestión deste fondo, pero finalmente a orde publicada no Diario Oficial da Galiza do 19 de maio fixo oficial o novo modelo de adquisición de materiais. Segundo se expón, serán os propios centros os encargados de xestionaren a compra dos libros de texto de terceiro e quinto de primaria que se renovan por primeira vez desde hai seis anos, "cando anteriormente eran os pais os que acudían á súa libraría de referencia para a súa adquisición e posterior depósito no centro educativo", explican. En consecuencia, o anterior sistema garantía que moitos comercios recibisen ou xestionasen pedidos que con esta mudanza se "centralizarán" nun "número moi reducido de entidades, coa desfeita económica para a rede de librarías galegas".

Aludindo á importancia da campaña escolar, especialmente este ano após dous meses de parálise, as libreiras denuncian que esta medida foi deseñada e implantada sen contar co sector, até o punto "de que a coñecemos pola súa publicación no DOG". "Este sistema entendemos que non ten ningunha mellora adicional sobre o anterior que xustifique o claro prexuízo económico que xerará ás librarías da Galiza", expresa o colectivo. 

Comentarios