O novo grupo parlamentar do BNG: un traballo máis "personalizado" e apostando poor unha "gran presenza no territorio"

Ana Pontón segue como portavoz e Olalla Rodil como vice portavoz. 
BNG grupo parlamentar arxina
photo_camera Grupo parlamentar do BNG (Foto: Arxina)

A líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, será a portavoz do BNG no Parlamento, no que a súa formación contará cun grupo cunha distribución "máis individualizada e personalizada" por áreas e territorios despois de triplicar a súa representación nas pasadas eleccións do 12 de xullo.

En concreto, nos pasados comicios, o Bloque pasou de 6 a 19 escanos e converteuse na segunda forza da Cámara galega, con 13 caras novas que lle permiten facer unha distribución do traballo parlamentar na que se "profundará moito máis nos temas", tal e como sinalaron a Europa Press fontes da formación.

Despois da constitución do Parlamento, o Bloque xa ten organizado o seu grupo, no que hai unha repartición sectorial das áreas vinculado ao perfil profesional de cada parlamentario co obxectivo de "gañar profundidade e coñecemento" nos temas que se abordarán.

Deste modo, Ana Pontón, que compaxinará a portavocía nacional e a parlamentar, centrarase nas sesións de control ao presidente da Xunta e nos grandes debates que acolla o Lexislativo galego. Un traballo que acompañará dunha "gran presenza no territorio" tendo en conta que o aumento de deputados permite aos nacionalistas realizar unha maior distribución dos labores parlamentarios.

Olalla Rodil

No novo grupo Olalla Rodil verá reforzadas as súas funcións como vice portavoz parlamentar e será a encargada de dar conta dos asuntos abordados polo Bloque na reunión da Xunta de Portavoces. Ademais, participará na comisión de control da CRTVG e será a responsábel de Innovación e Ciencia, áreas que o BNG considera "estratéxicas" para camiñar cara a unha "economía verde".

O vice portavoz segundo e coordinador do grupo será Manuel Lourenzo,  portavoz do Bloque en Soutomaior, municipio no que nas últimas municipais só obtiveron representación PP e BNG --cos nacionalistas a só 43 votos da lista máis votada--. Profesor de profesión, será tamén o encargado dos asuntos de Educación.

Economía

O aumento da representación do BNG fai que a formación gañe peso tamén nos órganos da Cámara. Así, Montse Prado é a vicepresidenta segunda do Parlamento mentres que a deputada Noa Presas, que será quen levará asuntos relacionados con Facenda e Orzamentos, poderá presidir a Comisión de Economía, cargo que tradicionalmente exerce algún membro do partido líder da oposición.

Pola súa banda, o sindicalista da CIG vinculado á Federación de Industria e ao sector do metal en Ferrol Ramón Fernández encargarase de Economía e Industria, así como dos temas que afecten á comarca de Ferrolterra.

Ademais dos asuntos relacionados coa Mariña, o deputado de Ribadeo Daniel Castro, o máis novo do Pazo do Hórreo, será o responsábel das cuestións relacionadas con Deportes e Novas Tecnoloxías. Tamén participará no control dos informes do Valedor do Pobo.

Luís Bará farase cargo das áreas de Infraestruturas e Mobilidade, así como da defensa dos intereses da comarca de Pontevedra, zona da que tamén se encargará Manuel Lourenzo.

Ademais, Alexandra Fernández asumirá os asuntos relativos á Ordenación do Territorio e Vivenda e, xunto a Carmela González, que será a responsábel de Comercio, aqueles relativos á cidade de Vigo.

Lingua e cultura

A académica, profesora e escritora Mercedes Queixas asumirá na lexislatura que arrinca as cuestións relacionadas con Cultura e Lingua, áreas das que é unha referente; así como das cuestións que afecten á zona da Coruña, da que é deputada.

O que fora cabeza de lista ao Congreso por Ourense nas eleccións xerais de 2019, Iago Tabarés, centralizará os temas institucionais e de xustiza, así como os que afecten ás da Baixa Limia, Allariz e A Limia. Pola súa banda, o secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, ocuparase de Mobilidade e dos problemas que afecten á comarca do Morrazo.

A defensa dos intereses da Costa da Morte e a comarca de Bergantiños por parte do BNG recaerá no avogado laboralista carballés Daniel Pérez López, quen será o encargado de Emprego e Turismo, así como dos temas vinculados á Unión Europea nunha etapa na que se debaterá sobre a contía que lle corresponde a GalIza do fondo de recuperación europeo.

Sanidade

Xunto á que era portavoz do BNG de Sanidade, Montse Prado, que agora tamén ostentará responsabilidades na Mesa do Parlamento, levará os asuntos sanitarios a médica Iria Carreira, nunha etapa na que a xestión da pandemia da Covid-19 marcará o arranque da lexislatura.

Pola súa banda, a deputada por Lugo Carmen Aira asumirá o Desenvolvemento Rural e a Política Agraria Común (PAC), mentres que Xosé Luís Rivas 'Mini' encargarase de Agricultura e Gandaría. Ademais, os asuntos relacionados cos montes e a viticultura correrán a cargo da que fose alcaldesa da Rúa, María González Albert.

A Pesca e o Marisqueo serán defendidos pola que fose deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez, quen tamén se encargará das cuestións que afecten á comarca do Barbanza.

Comentarios