Imprimir

Un novo foco en residencias: 18 contaxiados en San Antonio de Beariz

Redacción | 20 de novembro de 2020

O número de persoas usuarias contaxiadas é de 457, ás que engadir 244 traballadores e traballadoras.

 

Un novo foco de contaxiados de Covid nunha residencia. Desta volta en San Antonio de Beariz, na comarca do Carballiño, e o número de positivos é 18: 15 usuarias e 3 traballadores.

Nos datos do total da Galiza o número de persoas usuarias contaxiadas é de 457, ás que engadir 244 traballadores e traballadoras.

Así, os datos globais achegados por Política Social  reflicten que o xeriátrico de Vilalba é agora o de maiores cifras de contagios, cun total de 114 anciáns cunha PCR positiva, seguida de Doral Residencias de Mos, principal foco até agora, que se mantén con 96 usuarios infectados.

Seguen a estas a residencia DomusVi Ribadumia, con 44 maiores coa enfermidade, a Ballesol de Vigo, con 39, a residencia San Cibrao de Cervo, con 23, e a de Salvaterra do Miño, con 19.

Tamén contan con grupos de usuarios diagnosticados de coronavirus a Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia (15), a residencia San Antonio de Beariz (15) a DomusVi Coruña de Oleiros (10), a Pontevedra de Vilaboa (10), a San Salvador de Guntín (10) e a Santa Olalla de Boqueixón (9).

A Vivenda Comunitaria Remanso de Paz da Fonsagrada ten oito, o CRAPD Vigo II ten sete, a residencia Nosa Señora dos Miragres de Barbadás ten seis, a Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume cinco, a DomusVi Monforte catro e A Saleta de San Cristovo de Cea tres.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/novo-foco-residencias-18-contaxiados-san-antonio-beariz/20201120131619109482.html


© 2020 Nós Diario