Novo ataque en Francia con Macron no centro da diana

Francia en estado de máxima alerta por ameaza terrrorista tras o asasinato de polo menos tres persoas nunha igrexa de Niza, e no medio da lea entre o presidente galo e os líderes dos países musulmáns.
EuropaPress_3402843_emmanuel_macron_visita_niza_ataque_iglesia
photo_camera Macron, no centro da imaxe, chegando ao lugar do ataque (Aurelien Morissard / Zuma Press)

Polo menos tres persoas foron asasinadas esta quinta feira, 29 de outubro, nun ataque con arma branca dentro dunha igrexa de Niza, ao sueste de Francia, nun posíbel "atentado terrorista". O suposto autor foi detido, informaron os medios franceses. A Fiscalía Antiterrorista abriu unha investigación.

O Goberno elevou o nivel de alerta terrorista ao máximo. "Esta mañá decidimos aumentar a vixilancia en toda Francia para nos adaptar á ameaza terrorista", afirmou o presidente Emmanuel Macron durante unha visita á igrexa do suceso. "O noso país foi vítima dun ataque terrorista islamista. É Francia quen foi atacada. Se somos atacados, é polos nosos valores e polo noso gusto pola liberdade", engadiu.

O ataque tivo lugar ás 9 horas na Basílica da Nosa Señora da Asunción, segundo informou Le Monde, que tamén recollía que a policía municipal disparara ao autor do ataque, feríndoo.

Segundo unha fonte policial citada por Le Figaro, unha primeira muller, anciá e que ía rezar cedo na mañá, foi atopada sen vida e "case decapitada" perto da fonte de auga bendita no edificio relixioso. Un home, o sancristán, tamén foi atopado morto na igrexa. E unha segunda muller, que lograra refuxiarse nun café próximo, perdeu a vida alí a causa das puñaladas recibidas. De acordo con fontes citadas por AFP, o autor tería berrado "Allah Akbar" ("Alá é grande") durante o ataque.

O primeiro ministro, Jean Castex, denunciou no Parlamento o "ataque tan covarde como bárbaro". "Quero dicir [aos católicos] que a nación comparte a súa dor e inmensa emoción. A resposta do Goberno será firme, inmediata e implacábel. O sistema de alerta elevarase a nivel máximo en todo o país", engadiu. Diferentes líderes europeos condenaron o ataque e mostraron a súa consternación.

Ademais, tamén se produciron varios incidentes en Lyon e en Aviñón, mais sen estar claro a posíbel relación co ataque de Niza.

Ira no mundo musulmán

No mundo musulmán continúan as voces críticas co que consideran un ataque de Macron á súa relixión. O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, abriu a billa chamando ao boicot dos produtos galos; e o primeiro ministro do Paquistán, Imran Khan, foi o último en pedir aos líderes musulmáns que se unan contra Macron.

Comentarios