Unha novela, música e festa porque... “Estamos no verán”

Toca o timbre por última vez. As aulas péchanse. Chegan as vacacións, tempo de mudar as ilusións en realidade, por exemplo, creando un grupo musical. Novela, CD e espectáculo é este Estamos no verá (Galaxia) que asinan o músico Xoán Curiel e a escritora Charo Pita que se presenta esta quinta feira na Semana da Música Infantil da Feira do Libro da Coruña. 

Banda de Estamos no verán
photo_camera Banda de Estamos no verán

A idea partiu de Xoán Curiel, un músico con experiencia tamén no mundo infantil, que levaba tempo fermentando na cabeza traballar arredor do verán. “Son os mellores momentos da infancia, do que quedan as mellores lembranzas e sentín a necesidade de dar un pouco de positividade a este tempo tan difícil”, di Xoán Curiel, autor das cancións do CD e tamén, protagonista xunto con Jara Ortiz da novela que escribiu Charo Pita que conta a creación dun grupo musical no tempo de verán. 

“Cando lin o relato de Charo rin moito. Conteille a historia da nosa banda e ela fixo a historia poñéndonos a nós como personaxes. Todo transcorre en torno a un rapaz que se chama Xoán e unha rapaza que se chama Jara que son tamén os que cantamos no disco.A historia é como a nosa. Os rapaces van escoitar un disco con moitos estilos musicais, rock, blues, funky ou bossa nova”, explica Curiel que tamén forma parte do espectáculo que rulará por distintas localidades e que converterá aos protagonistas da novela de novo en músicos reais cos que gozarán rapaces e rapazas.

Os soños que se fan realidade  

De neno Xoán Curiel soñaba tamén con montar unha banda, unha idea que, daquela parecíalle, como a moita da rapazada de agora, un soño inalcanzábel. “O espectáculo será moi potente, con música cañeira e os mozos e mozas están con nós desde o primeiro tema, cantando e bailando”, explica o músico que agarda atopar este verán a moitas crianzas que xa leron a que se presenta como primeira  novela-disco da literatura galega.  

O último timbre do cole dá inicio a primeira canción e á última refírese ao inicio dun novo curso escolar. No medio, a alegría e unha furgoneta wolskwagen para compartir un soño de verán en clave musical. Catro músicos, dous cantantes e unha bailarina conforman a particular “troupe” que levará de concertos “Estamos no verán”, dándolle de novo realidade ao relato creado por Charo Pita e ilustrado por Iván R. cun particular deseño a modo de diario escrito nun caderno con páxinas cuadriculadas. 

“Cando Xoán me pasou as cancións de repente, de maneira case casual penseina posibilidade de escribir unha novela-disco”, explica Charo Pita, a autora do relato do que Curiel e Jara son protagonistas. Ocórreselle que o resultado é acaído para nenos e nenas de 8 a 12 anos aínda que, polo seu contido, pódese estender a todas as idades. “Quixen enlear o libro coas cancións de manira que as historias fagan referencia ao que logo vas escoitar. A idea do diario cun neno que vai contando o seu desexo de formar un grupo musical pareceume moi adecuada” defende a autora do seu libro de verán, cunha franxa temporal delimitada ao tempo das vacacións. 

“Cando Xoan me pediu que escribira pensei que a mellor maneira era facelo arredor da música, buscando empatía coas letras. O espectáculo sacará aos personaxes de novo á vida, da que tamén veñen. Son os mesmos Xoán e Jara, xa medrados, que manteñen os seus soños. Dalgunha maneira é unha biografía ficticia do seu grupo, escribir a súa propia infancia”, engade a escritora, autora dun libro para gozar, para animar a que os soños se cumpran para maiores e crianzas que gustan da música e soñan algún día subir ao escenario cunha guitarra eléctrica ou un teclado. 

Comentarios