A novela máis célebre de Marguerite Duras, en galego

Kalandraka publica ademais un novo título de Rodari
photo_camera Placa que lembra o domicilio de París onde residiu Duras durante boa parte da súa vida. Foto: Celette.

Aínda que non atravese o seu período de maior relevo público, a de Marguerite Duras (Cidade Ho Chi Minh, Vietnam, 1914-París, 1996) foi unha das obras literarias determinantes no século XX. Radical esteticamente, politicamente comprometida, experimental, foi autora de culto até que, en 1984, 41 anos despois do seu debut, publicou O amante. A editorial Kalandraka publica agora a versión galega do libro no seu selo Faktoría K e coa tradución da poeta Oriana Méndez.

O amante é unha novela de ficción ambientada na Indochina colonial. Protagonízaa unha moza francesa e a súa familia arruinada. O pouso autobiográfico resulta máis que evidente. De feito, Duras nunca o negou, como tampouco o negou en libros posteriores e, de certo xeito, continuadores do Amante: é o caso do Amante da China do Norte (1991).

Versións galegas

"Un día, sendo xa maior, no vestíbulo dun edificio público, un home veu cara a min. Presentouse e díxome: 'Coñézoa dende sempre", comeza o libro segundo a versión de Méndez.

O amante non é a primeira obra de Marguerite Duras en galego. En 1989, Edicións Xerais colocou nas librarías O xardín (1955), traducido por Valentín Arias dentro da súa desaparecida colección Grandes do noso tempo. Recolle o diálogo entre dúas persoas nun banco a disertar sobre a súa insatisfacción existencial.

Kalandraka tamén anuncia para este mes outra tradución, mais enfocada ás lectoras e lectores novas. Trátase de Era dúas veces o Barón Lamberto, do italiano Gianni Rodari (Omegna, Italia, 1920-Roma, 1980). Con ilustracións de Javier Zabala e versión galega de Isabel Soto, narra "as peripecias dun aristócrata ancián que, grazas a un antigo remedio, experimenta unha progresiva mellora na súa saúde". Kalandraka prometeu celebrar o centenario de Rodari con numerosas publicacións.

Comentarios