Novas cargas contra a caravana de inmigrantes en Guatemala

Por segundo día consecutivo, as forzas de seguridade guatemaltecas usaron paus e gases lacrimóxenos para facer retroceder o grupo, con destino os Estados Unidos.
caravana_honduras
photo_camera A caravana, na fronteira de Honduras con Guatemala na sexta feira (Foto: Claudia Mendoza / Twitter)

Ao longo da xornada de hoxe rexistráronse novos enfrontamentos entre os integrantes da caravana de inmigrantes que partiu na pasada sexta feira de Honduras e as forzas de seguridade de Guatemala, que usaron porras e gases por segundo día consecutivo para impedir o seu avance cara aos EUA, previo paso por México.

As autoridades guatemaltecas informaron de que membros da Policía e do Exército resultaran feridos neste choque. Porén, non detallaron se houbo algún lesionado entre os integrantes da marcha.

O Goberno do país insiste en que está a impedir o tránsito destas persoas argumentando que non cumpren cos protocolos sanitarios ─por mor da Covid-19─ e migratorios.

Ao respecto, a viceministra de Exteriores de Honduras, Nelly Jerez, asegurou que a caravana non logrará atravesar Guatemala. En declaracións recollidas polo xornal La Tribuna, asegurou que "a posibilidade é nula".

"Non van pasar de Guatemala, está selada completamente a ruta migratoria. A fronteira está completamente militarizada, non só nese sector de Chiquimula están as forzas da orde de Guatemala, senón que teñen como en dez sectores máis", advertiu.

Decreto gobernamental

Chiquimula é o departamento guatemalteco onde a caravana tivo que parar. Alí as forzas de seguridade bloquearon o seu avance, en cumprimento do Decreto de Estado de Prevención promulgado ex profeso polo Goberno na pasada quinta feira ante a chegada da caravana, e que prohibe as mobilizacións e dificulta significativamente atravesar o país.

"Hai grupos que xa solicitaron o seu retorno e niso está o noso consulado, podelos apoiar para que regresen ao país", manifestou Jerez, que aseverou, con todo, que non só hai hondureños na caravana, senón persoas de toda Centroamérica.

Comentarios