A nova xuntanza entre PSOE e Unidas Podemos finaliza sen acordo e toma forma un adianto electoral

“Non hai vía para atinxir un acordo”, afirma Adriana Lastra, portavoz parlamentar do PSOE. “O PSOE non se move”, lamenta Pablo Echenique, da delegación de UP.

A bancada do PSOE no Congreso

Catro horas de xuntanza entre as delegacións de PSOE e Unidas Podemos e que finalizaron sen acordo, coa sensación de desencontro é cada vez maior e que unhas eleccións anticipadas están cada vez máis perto de ser unha realidade.

“Non hai vía para atinxir un acordo”, manifestou Adriana Lastra, vicesecretaria xeral do PSOE e portavoz das e dos socialistas no Congreso. O PSOE trasladou a Unidas Podemos que non habería novas xuntanzas se non desbotaban a súa aposta por un goberno de coalición. Só están dispostos a falar de programa.

Pablo Echenique, pola delegación de UP; advertiu que esa postura “é un erro” que “leva definitivamente a eleccións anticipadas”. Lastra, porén, non quixo fechar a porta a continuar negociando (“non damos a batalla por perdida”) embora as posibilidades dun acordo sexan cada vez máis febles. “Hoxe por hoxe non vemos unha saída á situación”, dixo, deitando sobre UP toda a responsabilidade: “Unidas Podemos negouse a acadar un acordo programático, que reflexionen”.

Unidas Podemos e PSOE volveron sentar esta terza feira cinco días despois da anterior xuntanza sobre a investidura, que tamén acabara sen acordo. O prazo legal para a disolución automática das Cortes e a convocatoria de novas eleccións finaliza o 23 de setembro.

“O PSOE non se move da súa fórmula dun goberno de partido único”, lamentou Echenique, que cualificou as exixencias das socialistas de “erro”.

A desconfianza entre ambas as dúas formacións é alta e non semella que estea camiño de reconducirse, ao igual que a desavinza sobre os mínimos para un acordo. Coa conta atrás en marcha desde hai tempo, o horizonte dunhas eleccións xerais nos vindeiros meses toma forma. 

Comentarios