Mobiliza

Nova xornada de protestas en Chile cun «Superlúns»

Ducias de miles de persoas, na maioría estudantes, manifestáronse de novo para esixir mudanzas estruturais nunha xornada na que se rexistrou un sismo de magnitude 6,3 na rexión central do país. Por outra banda, o presidente Sebastián Piñera dixo nunha entrevista que «non dimitirá».

dignidad
photo_camera As protestas continúan por terceira semana consecutiva. Foto: Europa Press

A protesta social regresou esta segunda feira, 5 de novembro, ás rúas de Chile na terceira semana de mobilizacións. Ducias de miles de persoas, na maioría estudantes, manifestáronse de novo para esixir mudanzas estruturais nunha xornada na que se rexistrou un sismo de magnitude 6,3 na rexión central do país. O sismo afectou as rexións Metropolitana, Coquimbo, Valparaíso, O'Higgins e Maule, informa o diario La Tercera.

Mentres, convocados polas redes sociais a un «Superlúns» de manifestacións, os chilenos marcharon e concentráronse nas rúas de Santiago e outras cidades como Valparaiso e Viña del Mar. Na capital, a xornada reuniu manifestantes fronte aos tribunais cedo pola mañá, mentres que os taxistas protestaron contra o cobro de peaxes dentro da cidade. Pola tarde, a protesta tornouse multitudinaria ao redor da céntrica Praza Italia, onde se rexistraron algúns incidentes illados coa policía.

«Isto aínda non termina» é o lema para as protestas desta semana en Chile. Unha enquisa de Cadem divulgada o domingo, revelou que 87% está a favor de que se cambie a actual Constitución. Ademais, segundo a mesma sondaxe, o presidente Sebastián Piñera -que nunha entrevista na BBC afirmou que «non dimitirá»- tan só ten 13% de aprobación, a cifra máis baixas desde a caída da ditadura de Pinochet.

O Goberno chileno comprometeuse esta mesma segunda feira ante a misión do Alto Comisionado de Dereitos Humanos da ONU a informar con «total transparencia» sobre a actuación da policía e do militares durante a presente crise social, que deixa xa 20 mortos e máis de 1.500 feridos, segundo informou o ministro de Xustiza, Hernán Larraín.

Comentarios