Opinión

Unha nova xeración parlamentaria na Galiza

Nas últimas eleccións autonómicas galegas houbo unha aposta pola xeración moza, especialmente no BNG e, tamén, En Marea. Nos outros partidos de corte bipartidista optaron por manter a tradición de cultivar os vellos gurús parlamentarios, excepto en casos moi puntuais. Non estamos invalidando aos parlamentarios que pasan dos 60 anos e menos insinuar que os internen nese gran e innecesario xeriátrico, chamado Senado. Mais apostar polo valor da mocidade, con ideoloxía e compromiso social, supón investir pola esperanza nun país que aspira a tela. O BNG tivo unha decisión valente ao nomear cabezas de lista pola Coruña, Lugo e Ourense a tres mulleres. Unha delas está na idade dos 30 e algo anos e as outras dúas nos 20 e algo. A forza e o vigor da vontade xuvenil supera, en tantos casos, a veterana experiencia de tanta señoría adormecida nos escanos parlamentarios e nunha viciosa retórica de orfandade.

O Bloque apostou forte e decididamente polo rigor e a constancia dunhas mozas que non consenten a improvisacións, nin deliran por estar en política e acaparar éxito persoal nin para facer curriculum vitae. A implicación de Ana Pontón, de Olalla Rodil e Noa Presas (sen esquecer o soporte preciso de Mini e Bará), foi críbel por un electorado que apostou pola fidelidade do que transmitían sobre o proxecto de país, fronte a interesados boatos que lle daban a esta organización de 0 a 2 deputados. A mensaxe que elas transmitiron callou e produciu 6 deputados.

Ana Pontón é unha persoa de proximidades e benquerenzas, que transmite seguridade e confianza cando fala de proxectos de país e dos problemas existenciais que soporta a nosa xente

Ana Pontón é unha persoa de proximidades e benquerenzas, que transmite seguridade e confianza cando fala de proxectos de país e dos problemas existenciais que soporta a nosa xente. Emite firmeza cando escudriña os desaxustes que ten a nosa nación, dunha maneira pragmática. Ten ademais experiencia parlamentaria, tal como o confirma a súa presenza en longos debates  decisivos e en apostas nada improvisadas no cotián parlamentario. Por outra banda, Olalla Rodil e Noa Presas deputadas por Lugo e Ourense, respectivamente, estrean escano e mostran ser dúas voces necesarias en todo aquelo que ten transcendencia nacionalista, como mostraron en debates televisivos, con pragmatismo e certeza que comunican, cando desvelan os problemas da xente e que outros políticos ocultan dunha maneira interesa. Dous perfís da comunicación e da belixerancia: verbo activo na terra dos desasosegos. Elas non precisan de áticos promontorios ou de púlpitos suntuosos para emitir en terra aberta a tan necesitada voz xenerosa da nosa mocidade que aspira a mudar os tempos.

Paula Vázquez Verao, unha voz moi puntual que vamos precisar dela para un diálogo necesario que non dubido que vai haber con Ana, Olalla, Noa e, tamén, coa reelixida por Pontevedra, Montse Prado Cores

De En Marea non debemos ocultar, e menos desprezar, a mocidade nacionalista que estará presente no parlamento e que ten un valor activo e nacionalista que non debemos ignorar. Concretamente, neste caso, penso en Paula Vázquez Verao que se estrea como deputada, e outrora militante do Bloque, de Anova e agora en Cerna, ben coñecida polo seu constante traballo de base, intelectual e comunicadora en todo aquelo que merece respecto e rescate. Incansábel polo activismo nacionalista que veu realizando desde a súa adolescencia. Unha militante do nacionalismo, que remata de cumprir 32 anos, de amplas miras sobre políticas que amparen concertos sociais, desde un proxecto nacionalista. Paula é unha muller que comunica cordura e, mesmo, cordialidade cando expón as súa discrepancias con certos temas en discusión. Unha voz moi puntual que vamos precisar dela para un diálogo necesario que non dubido que vai haber con Ana, Olalla, Noa e, tamén, coa reelixida por Pontevedra, Montse Prado Cores, necesariamente. Precisamos dunha ententé nacionalista que normalice unha fluída comunicación, capaz de crear esperanzas nun país desnortado polas políticas devastadoras que o oprimen. Neste sentido, estas mulleres deben ser vigorosos piares dunha sólida ponte por onde transcenda o diálogo e a esperanza.

Comentarios