Unha nova taxa de residuos compromete Sogama, Endesa e as cementeiras

O Goberno español quere harmonizar o imposto sobre residuos en todo o Estado coa creación dunha nova taxa que gravará os vertidos de refugallos e a xeración de cinzas. Esta medida afectará a empresas como Sogama e as cementeiras, que terán que redobrar esforzos para camiñar cara a unha economía circular.
Residuos na planta de Sogama á espera de ser incinerados (Foto: Sogama).
photo_camera Residuos na planta de Sogama á espera de ser incinerados (Foto: Sogama).

Seguindo o principio de quen contamina paga, o Goberno español prepara unha nova taxa que se incluirá na Lei de residuos e solos contaminados, actualmente en tramitación, que prexudicará empresas como Endesa, Sogama e as cementeiras.

Este novo marco legal, que servirá para evitar sancións de Bruxelas por incumprir a lexislación comunitaria, forma parte da Estratexia Española de Economía Circular deseñada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica co fin de impulsar un novo modelo de produción e consumo que mellore a eficiencia no emprego de recursos, reforce a competitividade da economía e favoreza a creación de emprego.

Até agora, o aspecto máis coñecido do anteproxecto de lei de residuos e solos contaminados era a eliminación de plásticos dun só uso, unha medida que tamén vai afectar a numerosas empresas galegas, mais pouco se sabía do novo tributo. 

Entre as medidas fiscais dos Orzamentos Xerais do Estado español para este ano xa figuraba este novo imposto, cunha recadación estimada de 861 millóns de euros en 2021, aínda que para moitas persoas pasou inadvertido.

Preguntada por este novo tributo, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, limitouse a sinalar que o tributo sobre a xeración de cinzas formaba parte da fiscalidade ambiental e que será compartida cos diferentes territorios. O seu encaixe irase traballando durante o presente exercicio. 

Precisamente, a combinación cos cánones e taxas que existen na actualidade na Galiza é un dos asuntos que queda por aclarar desta nova taxa, que gravará o depósito en vertedoiro e incineración cun máximo de 40 euros por tonelada, cunha redución de até 50% no caso de que o lixo se recolla separadamente.  

Unha das empresas máis afectadas por esta medida podería ser a Sociedade Galega do Medio Ambiente, Sogama, que trata os residuos de boa parte dos concellos do país. Segundo fontes da empresa, o feito de que o documento estea aínda en fase de exposición pública impídelles cuantificar o impacto desta medida. 

En 2020 Sogama destinou a valorización enerxética (incinera a fracción non reciclábel contida nos residuos urbanos para a produción de enerxía) un total de 502.000 toneladas. Como resultado deste proceso xeráronse 35.500 toneladas de cinzas, cantidade que vén representar ao redor do 7%, apuntan desde a empresa participada pola Xunta da Galiza e a eléctrica Naturgy.

Tendo en conta os criterios sinalados, o custo de xerar estas cinzas suporía para a empresa o pago de aproximadamente medio millón de euros en taxas. 

O caso de Endesa

No caso de Endesa, igual que acontece en calquera empresa que empregue a combustión nos seus procesos, como coas térmicas e coas cementeiras, a decisión de non continuar a actividade na central das Pontes vaille librar de pagar. 

Precisamente, o tema das cinzas foi un dos argumentos esgrimidos pola eléctrica para desbotar a continuidade da central das Pontes (manteñen o ciclo combinado de gas natural) con biocombustíbeis como fonte de alimentación.

Segundo precisaron desde Endesa, o elevado incremento da produción de cinzas era outro elemento "insalvábel" desta alternativa, pois aumentaban entre 187% e 276% (en función de se os lodos ían acompañados de gas natural ou carbón), "o que implicaría producir unha tonelada de cinzas por cada tres ou catro toneladas de CO2 evitadas", apuntaban desde a compañía.

Deste modo, só coa operación de dous dos catro grupos da central durante 3.000 horas, acumularíanse cada ano entre 76.000 e 106.000 toneladas dun subproducto que non sería admitido nos vertedoiros de residuos non perigosos, por superar os valores límite de selenio, sulfatos e carbono orgánico disolto, cun elevado incremento de metais e metaloides xerados na combustión. Neste caso, a factura podería superar os catro millóns de euros anuais. 

A idea do Ministerio de Transición Ecolóxica que dirixe Teresa Ribera é crear un tributo homoxéneo para todo o Estado español e con carácter finalista, é dicir, que a súa recadación sexa empregada na redución do volume de residuos e na mellora do seu tratamento e xestión. 

Esta medida podería condicionar tamén a implantación de novos vertedoiros no país e axudaría a que moitas empresas desen finalmente un xiro cara a chamada economía circular, que será un dos piares nos que a Unión Europea baseará o reparto de fondos para proxectos chamado a liderar a recuperación económica e o cambio de modelo produtivo.

Comentarios