Nova pexa xudicial ao decreto do éuscaro en Nafarroa

O Tribunal Superior de Xustiza de Navarra (TSXN) ditamina a anulación dos artigos referentes á súa valoración como mérito para acceder ao emprego público nas zonas mixta e non vascófona, e provoca unha fenda no Goberno de coalición.

nafarroa

A iniciativa a prol da normalización do éuscaro en Nafarroa impulsada polo Goberno de Uxue Barkos (2015-2019) bateu máis unha vez coa intervención xudicial. O Tribunal Superior de Xustiza de Nafarroa (TSXN) estimou parcialmente os recursos presentados por UXT e Sindicato do Personal Administrativo contra o decreto do uso do éuscaro nas administracións, co que o coñecemento desta lingua non puntuará como mérito para acceder á Administración foral por concurso oposición nas zona mixta e non na vascófona, así como tamén á dos servizos centrais no referente, entre outras cuestións, ás notificaciones e comunicacións dirixidas á cidadanía.

O TSXN considera que a valoración do éuscaro como mérito “implica unha discriminación na provisión de postos na Función Pública que non se corresponde cos principios de racionalidade e proporcionalidade na valoración do idioma en relación cos postos de traballo nos que este mérito puidese non ser relevante”.

Segundo o tribunal, o decreto vulneraría dous artigos da Constitución española, o 14, que sinala que os españois son iguais ante a lei, e o 23, que recolle o seu dereito a acceder “en condicións de igualdade” a cargos públicos. Si que observa, pola contra, “plena legalidade” na valoración do éuscaro como mérito cualificado no caso da zona vascófona.

Fenda

Esta sentenza sobre o decreto do éuscaro, que entrou en vigor en 2017, pode traer consigo o primeiro desencontro entre os principais socios do recente Goberno de coalición que preside a socialista María Chivite -moi crítica na altura coa aprobación do mesmo-. Por unha banda, o PSN mostrou a súa satisfacción pola decisión xudicial, mentres que Geroa Bai solicitou a presentación dun recurso (tan só podería ser xa de casación). Podemos, tamén oposto, solicitou unha xuntanza urxente dos tres socios para “valorar o impacto” do fallo xudicial.

Comentarios