Opinión

Nova lei do solo ou urbanismo consentido!

Resulta evidente que o urbanismo na Galiza está funcionando mal. Excepto honrosas excepcións, nas que o BNG ten moito que dicir, o certo é que o urbanismo está nunha situación crítica. 

Resulta evidente que o urbanismo na Galiza está funcionando mal. Excepto honrosas excepcións, nas que o BNG ten moito que dicir, o certo é que o urbanismo está nunha situación crítica. A normativa e os instrumentos urbanísticos non están sendo capaces de ordenar e resolver os nosos problemas neste ámbito. Existe un consenso xeneralizado en criticar a lexislación vixente como unha das causas desta situación e urxir a necesidade dun cambio profundo.  Un cambio que tardará en chegar á vista das propostas que ven de aprobar o PP no Parlamento de Galiza.

Explícome. No mes de decembro encetou os seus traballos unha Comisión estudo co obxecto de elaborar unha nova lei do solo. Após escoitar as trinta e dúas persoas que compareceron, o asunto quedou zanxado en dúas ponencias express. A decisión estaba tomada de antemán. O PP só incorporou as súas propostas, que á súa vez, veñen a dar o visto e prace ao proxecto no que traballa a Xunta. Un  proxecto que rexeitamos por moitas razóns de fondo. Razóns como que aposta por un modelo caduco e fracasado; liberalizador do solo e alonxado da función social que debe cumprir o urbanismo. O máis expresivo pode ser a desregulación e desprotección do solo rústico que pasa a ser unha categoría residual.  

Mais o PP, fiel a teoría do pensamento único, defendeu as súas políticas como as únicas posíbeis. Coa soberbia que os caracteriza definiu o seu urbanismo como un “urbanismo con-sentido”. É certo! Consentiron  desfeitas  urbanísticas a eito! A lista é longa, mais por actualidade, podemos citar Barreiros como expresión sublime do urbanismo consentido do PP!  Para o PP o urbanismo é negocio para os amigos. Para o BNG unha ferramenta clave para ordenar, protexer e preservar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas e da terra que habitamos. 

Consideramos preciso un xiro copernicano na lexislación urbanística que se sustente en principios e obxectivos ben diferentes que os actuais. Eis van telegraficamente algúns dos criterios e principios que defendemos no BNG:

1. Unha lei adaptada á realidade galega, que integre as características territoriais e de asentamento da actividade humana teñen unhas especificidades e particularidades tan diferenciadas en Galiza. 

2. Unha lei que exerza sen ataduras as competencias exclusivas en materia de urbanismo e ordenación do territorio, que recolla en profundidade e cabalmente a situación galega e a reconduza a camiños razoábeis. Estas metas de futuro deben estar pensadas nunha dobre faceta: por un lado na calidade urbanística e, por outro, nos novos hábitos e condicións de vida, actuais e previsíbeis a curto e, sobre todo, medio prazo.

3. O novo marco legal debe partir do respecto máximo polo patrimonio edificado; hai que facer efectivo o principio das tres “R”: reutilización, recuperación, reciclaxe, do noso patrimonio construído.

4. Hai que parar as desfeitas provocadas pola manía uniformizadora de aliñacións, fondos, alturas e cornixas... tan alleas ás tradicións galegas. Esta desfeita foi, e está a ser, moi grave, levándose por diante edificacións e zonas enteiras que formaban parte da nosa historia e do noso patrimonio.

5. Mellorar a regulación da rexeneración urbana, apostando por medidas de carácter social que prioricen un incremento do  patrimonio público de vivendas e que velen polo cumprimento da función social da vivenda;  mellorar a regulación do dereito ao realoxo, protexendo as persoas fronte a operacións especulativas ou adoptar as medidas necesarias de apoio aos propietarios de vivendas que non teñan recursos para pagar as cuotas derivadas da rehabilitación ou reurbanización, de modo que podan manterse no edificio rehabilitado

6. Apostar pola conservación do noso territorio e actuar para mellorar espazos e zonas degradas. Neste sentido a nova lei debe priorizar modelos máis compactos, e frear os procesos de vivendas desperdigadas ou de urbanizacións en núcleos rurais.  Deberíase chegar a un consenso sobre que parte do territorio debe quedar excluída da transformación urbanística, dado que non é positiva -nin económica, nin social, nin ambientalmente- a ocupación masiva do territorio. É clave frear os procesos de desregulación ou liberalización do solo que tiveron e teñen nefastas consecuencias.

7. Especial atención debe ter na nova lexislación o tratamento do solo rústico,  considerando que os criterios que deben presidir a súa regulación deben ser os de frear a progresiva perda de superficie agraria útil evitando a incorporación de terras con esta aptitude a outros usos: forestal, residencial, mineiro, etc.; favorecer as  operacións necesarias para o seu aproveitamento agrogandeiro ou actividades relacionadas directamente coa actividade agraria e coas de primeira transformación e a segurar a protección e conservación de do solo de alto valor agrícola e gandeiro. 

8. Co obxecto de amparar a función social do urbanismo e a calidade urbana consideramos que deben  establecerse uns mínimos de reserva de solos destinados a vivenda de promoción pública; sistemas xerais para zonas verdes ou espazos libres, así como para equipamentos sociais. 

9. Superar a visión de concepcións vellas e caducas das cidades como depósitos de vehículos e establecer unha regulación que permita aos concellos apostaren por modelos de crecemento e mobilidade alternativos.

10. Garantir participación social na definición e planificación urbana, así como establecer un criterio de transparencia absoluta neste terreo.

A modo de conclusión. No BNG defendemos un urbanismo con sentido de nación, con sentido e vocación social, fronte ao urbanismo consentido do PP que tantos estragos leva feito nesta nosa nación.

Comentarios