A nova explotación laboral marcha sobre rodas

Glovo ou Deliveroo presumen de ser exemplos de economía dixital colaborativa ao tempo que non poucas voces alertan de que o que venden como “flexibidade” non é senón un modelo de relacións laborais baseado na precariedade e man de obra barata a través da figura dos falsos autónomos. 

foto_p10_11
photo_camera [Imaxe: Sara Seco] Un traballador de Glovo en Compostela

10_11_economiaXa son unha imaxe habitual en varias cidades galegas: persoas a pé, en bici ou en moto levando comandas. Deliveroo, unha das principais empresas deste sector de reparto exprés, foi a primeira en desembarcar no noso país, en setembro de 2017, e fíxoo a través da Coruña. Pouco despois, febreiro de 2018, facíao Glovo, que elixía Vigo para estrearse na Galiza.

Ambas as dúas expandíronse a Compostela nun plan que axiña saltará a outras cidades galegas. Glovo ou Deliveroo son exemplos de economía dixital colaborativa ou, pola contra, son novos modelos de explotación laboral no século XXI con falsos autónomos como man de obra barata? O debate está de actualidade após o falecemento en Barcelona de Pujan Koraila, de 22 anos, atropelado por un camión do lixo e que traballaba coa conta de Glovo doutra persoa.

Ao pouco de aterrar na Galiza, este sector que gosta denominarse economía colaborativa xa bateu coa súa primeira denuncia por falsas autónomas. Presentouna en Vigo o sindicato CUT. O seu secretario xeral, Ricardo Castro, indica a Sermos Galiza que esa demanda, “presentada porque nolo pediron un grupo de repartidores”, está aínda pendente de resolución. “Todas e cada unha das persoas traballadoras prestan servizo en condicións de alleidade, dependencia e retribución, elementos claros que definen unha relación laboral”, xustifícase na denuncia. “Este tipo de empresas son unha forma de escravismo e precariedade absoluta”, indica Castro.

Unha nova modalidade de falsas autónomas. Unha figura que Suso García, do sindicato nacionalista CIG, cualificou como “un modelo de escravitude adaptado ao século XXI”. Traballadoras por conta allea atadas a unha única empresa, que aforra así salarios e asumir dereitos laborais como as vacacións. Esaxeramos? No Estado hai miles de riders (repartidoras). UXT cífraos en 17.000, uns 7000 deles en Glovo. Estas empresas din que unha repartidora traballa de media 25 horas á semana e que pode obter uns ingresos brutos de mil euros. Desquitando autónomos e IRPF, a conta fica en 650 euros.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 350 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios