Nova edición do Galician Film Forum no King's College de Londres

A comunidade galega en Londres segue a moverse. Logo de dúas exitosas edicións volve o Galician Film Forum o 20 de novembro con tres filmes de directoras galegas. 

galicianfilmforum
photo_camera Segunda edición do GFF

O evento consistirá na proxección dunha longametraxe, Tralas Luces, de Sandra Sánchez, e dúas curtametraxes; Galicia Portobello Road, de Adriana Páramo e Conversa cunha muller morta, de Sonia Méndez. Despois dos filmes terá lugar un coloquio no que participará a directora Adriana Páramo e un convidado aínda por confirmar.

Os tres filmes que conforman o programa teñen como nexo de unión que foron rodados e dirixidos por mulleres, polo que a “ollada” feminina está presente en todos eles.  O filme Tralas Luces, narrado en primeira persoa pola matriarca Lourdes, relata a vida cotiá dunha familia de feirantes. Galicia Portobello Road, de Adriana Páramo, amosa a relación dunha nai e mais a filla e os plans de futuro para o seu restaurante Galicia, e Conversa cunha muller morta, é a unha historia “onírica” onde una muller, Elena, volta de “entre as mortas” para ofrecerlle unha oportunidade de salvación a súa antiga parella e asasino.

Qué é o Galician Film Forum?

É unha iniciativa que xorde de xeito espontáneo a principios deste ano nun grupo de galegos e galegas emigrados en Londres cun grande interese pola cultura galega. O seu obxectivo é crear un espazo para a difusión do cine galego na capital británica.

A primeira edición do GFF celebrouse o 20 de marzo no King´s College onde se proxectou a longametraxe Encallados, de Alfonso Zarauza e as curtametraxes 1977, dirixida por Peque Varela e ‘Curricán’ de Álvaro Gago. Tralo éxito acadado, convocouse unha segunda xornada.
A 2ª edición de cine galego en Londres tivo lugar o pasado 5 de xuño na London Film School. O programa incluíu a longametraxe N-VI, dirixida por Pela del Álamo, e dúas curtametraxes: AADAT, dirixida por Xisela Franco e Noe Rodriguez, e Pettring, dirixida por Eloy Domínguez.

O Galician Film Forum ten vocación de continuidade tanto como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cine e a cultura galega en termos universais. 

As directoras

Sandra Sánchez (Narón, 1970) ten dirixido series de ficción e documentais como “Buenos Aires, a fronteira sur dun soño” ou “Aguiño, sobrevivir al Prestige” (2003) emitido por varias canles nacionais e internacionais. A súa longa é “Tralas luces”, que acadou o Premio  á mellor dirección e fotografía nos Mestre Mateo no ano 2012.

Adriana Páramo (Vigo, 1985) participou no Festival de Cans coa curta “Galicia Portobello Road” (2015), que tamén presentou no Portobello Film Festival (Londres). É unha das fundadoras do Galicia Film Forum.

Sonia Méndez (Vigo 1980) é tamén guionista e actriz. Dirixiu numerosas curtametraxes, ademais do  festival “Carballo Interplay” (primeiro festival de webseries no Estado) e xestiona o WOSINC (festival de contidos audiovisuais e musicais) en Santiago de Compostela.

Comentarios