Nova derrota do xuíz Llarena diante da xustiza europea

A fiscalía belga rexeita en segunda instancia a petición do Tribunal supremo español de extraditar ao exconselleiro catalán Lluís Puig.
Lluís Puig nunha rolda de prensa en Bruxelas (Cedida)
photo_camera Lluís Puig nunha rolda de prensa en Bruxelas (Foto: Cedida)

O Tribunal de Apelación de Bruxelas rexeitou en segunda instancia a euroorde enviada polo Tribunal Supremo español na que se pedía a extradición do exconselleiro catalán no exilio, Lluís Puig. A fiscalía contaba con 24 horas para recorre a sentenza do mes de agosto mais decidiu non facelo por considerar, segundo explicou a defensa de Puig á axencia catalá ACN, “que había "risco de vulneración da presunción de inocencia".

Nesta decisión tivo moito peso a resolución do Grupo e Traballo de Detencións Arbitrarias da Organización das Nacións Unidas (ONU). O propio Lluís Puig cualificaba a decisión da fiscalía belga na súa conta de Twitter de "novo ridículo da xustiza española diante de Europa" e preguntaba "que fai falta máis España?".

Exixía, ademais parar a "persecución ideolóxica" engadindo que "a loita pola liberdade continúa".

Pouco despois de saber desta decisión comparecía en rolda de prensa para amosar a súa satisfacción pola finalización do seu caso. Desde a defensa de Puig valorouse de maneira positiva este paso polo que ten de precedente para outros casos de políticos cataláns no exilio, como o de Puigdemont,  Comín,  Ponsatí Meritxell  Serret

Contra a represión do Estado español

Nun artigo do propio Lluís Puig publicado na revista El Temps o mesmo día de saber a decisión da fiscalía, sinala que beneficia tamén "a todas e todos os represaliados non só do Procés catalán senón a todas as vítimas de todo tipo de disidencia política ou ideolóxica expresada no Estado español".

No seu escrito sinala que a decisión da xustiza belga pon en evidencia "o risco de violación dun dereito fundamental com é a presunción de inocencia". Asegura que "admitir que unha persoa coma min non tería un xuízo xusto en España, com non o tiveron Carme e Dolors, os Jordis –Cuixart, Sánchez e Turull-, Josep, Quim, Raül e Oriol, pode resultar unha obviedade para os cidadáns da Catalunya do século XXI mais non o é desde o momento que España, e moi concretamente o Tribunal supremo (...) non se cansa de chamarnos 'golpistas', no mellor dos casos"

No artigo explica o valor que tiveron as probas documentais que o seu equipo de avogados presentou no Tribunal belga e que inclúen declaracións de xuíces, fiscais e autoridades políticas españolas "exhibindo sen manías actitudes ditatoriais e demofóbicas" que explican esta sentencia.

Comentarios