Opinión

Unha nova crise ou un sistema en crise

Todos os dados indican que estamos diante dunha nova crise. A pregunta é: até que punto implicará un retroceso do PIB, do emprego, do medre da desigualdade, e se vai a atinxir na mesma medida a todos os estados do mundo? Dise que esta nova crise ven empurrada pola débeda soberana, polas sancións, bloqueos e inxerencias militares de Estados Unidos e aliados, o que chaman unha “guerra comercial”. Porén todo reflicte que estes feitos son a punta do iceberg dun fenómeno máis amplo e grave: que o capitalismo está na súa etapa senil, como a definía Samir Amin.

O mundo está diante de contradicións que non pode resolver cos mecanismos do pasado, e que ademais van a máis.

O mundo está diante de contradicións que non pode resolver cos mecanismos do pasado, e que ademais van a máis. Tal como se amosa na incapacidade (e falta de disposición) para controlar as manobras e os beneficios das empresas transnacionais. Os governos vense obrigados a soster con diñeiro público a evasión fiscal a especulación financeira, e das divisas por mor da desvinculación co ouro. Cantas veces se falou de poñer impostos ás empresas de tecnoloxía dixital, mentres o tempo pasa e estas non deixan de acumular beneficios?... O resultado deste desleixo (casual?) é a caída dos ingresos do imposto de sociedades, e para compensalo unha maior presión fiscal sobre o consumo e os salarios, o aumento da débeda soberana, e a privatización dos servizos públicos. Daquela o descontente social, o desprestixio dos partidos, tamén os da esquerda, malia que poñen énfase nun reparto máis xusto non é críbel, xa que obvian que o problema principal está nos ingresos, na globalización.

As políticas de esquerda e mesmo as socialdemócratas e progresistas nesta etapa do capitalismo están condicionadas pola dura competencia no mundo polos mercados e por atraer os investimentos de capital. E este utiliza esta dependencia, e a facilidade para deslocalizar e exportar capitais a paraísos fiscais como elemento de presión. Nesta competencia por atraer investimento teñen vantaxe as potencias económicas e militares e, aínda que nun papel subalterno, tamén aqueles países que teñen un papel importante na cadea de valor e na estrutura militar do imperialismo hexemónico.

É neste contexto no que se dá a disputa entre estados, para lles ofrecer ás grandes corporacións mecanismos (de control e coacción, internos e externos) para garantir a colocación da produción, así como tecnoloxía avanzada, ou man de obra barata e mínima presión fiscal sobre as empresas. Canto menos soberano é un país, tanto no plano político como económico e cultural, máis forzado estará a abaratar salarios, reducir os impostos ás gañancias e subvencionar ás empresas, sacrificando non só o benestar da maioría da povoación, senón tamén limitando os recursos en I+D+I. As sancións e bloqueos contra Cuba, Venezuela, Iran, Siria, etc. forman parte da demostración da capacidade para controlar o mercado e o reparto da riqueza, por parte do imperialismo hexemónico. Ou sexa, por parte dos Estados Unidos en beneficio das súas empresas e, en segundo lugar, daqueles estados aliados, todos eles por un lado predican o libre mercado e a desregulación, e na práctica impoñen regras de xogo que os colocan en situación de privilexio. Daquela que recuperar o control da economía por parte das nacións subalternas sexa algo esencial.

A globalización neoliberal non é máis que a imposición a nivel mundial dun modelo para centralizar e concentrar riqueza e poder

É deste xeito, porque a globalización neoliberal non é máis que a imposición a nivel mundial dun modelo para centralizar e concentrar riqueza e poder, que se consolidou unha vez destruída a Unión Soviética como muro de contención, e como garante en boa medida das soberanías nacionais, mesmo en beneficio dos aliados dos Estados Unidos. O retroceso en paralelo dos dereitos laborais en todo o mundo deixaron en evidencia que había diferencias importantes (mesmo para aqueles que eramos críticos) entre o chamado “capitalismo de estado” e os países nos que os medios de produción estaban en mans privadas. Asemade, amosou que existía unha interdependencia entre a cuestión nacional e a loita de clases nos países dependentes, coloniais e neocoloniais. As burguesías nacionais eran neles inexistentes ou cativas e, como parte do proceso de globalización, asociáronse de modo subordinado, en case todos os casos, ás clases dominantes das potencias hexemónicas.

A hexemonía dun capitalismo tan depredador tamén reflicte que un reparto máis xusto dos ingresos, nos estados europeos, non se debía á existencia dun capitalismo con rostro humano, como argumentaba a socialdemocracia, senón que era consecuencia doutros factores: unha clase obreira organizada e mobilizada, e da existencia, nesta orde, da URSS, das democracias populares, e dun amplo movemento de liberación nacional. Non é casual que o retroceso do movemento obreiro e dos dereitos das nacións, coincidan co auxe da globalización neoliberal, do control dos medios de información e da cultura de masas polas grandes potencias e corporacións. Esta é a tendencia dominante, e aínda que sería un avance respecto da situación actual un mundo multipolar, non se vai reverter o seu carácter se se mantén como modelo hexemónico a economía de escala, e a centralización e concentración do poder e da riqueza.

Para democratizar o sistema, no aspecto laboral, social e político, é fundamental fortalecer o sector público

Para democratizar o sistema, no aspecto laboral, social e político, é fundamental fortalecer o sector público no ámbito empresarial, comezando por aquelas actividades que se poden desenvolver mesmo neste contexto confrontando co mercado globalizado, por exemplo, os servizos esenciais que teñen garantido un consumo nacional, como: banca, enerxía, telecomunicacións, información, cultura. Non é casualidade que nestes sectores subsista a empresa pública nalgúns países da UE, e non na actividade industrial, como sucedía hai medio século. Daquela que sexa incomprensíbel que ali onde governa a esquerda (tamén a nacionalista na Galiza) non prime a exclusividade dos servizos públicos, comezando polos concellos, tanto polo que representa politicamente, como polo que implica para divulgar un modelo económico que fortalece a soberanía popular, tanto no aspecto social como nacional. A construción do poder popular, non é só unha cuestión política, senón tamén económica, cultural, histórica, lingüística, de auto-organización... de soberanía. Ademais, boa parte das concesionarias privadas de servizos públicos nos concellos son de capital foráneo.

Dar pulo á empresa pública de servizos na Galiza, cun consumo interno garantido, así como a nacionalización das industrias estratéxicas en crise, alentar o cooperativismo no agro, pesca e comercio,... é esencial para desenvolver unha economía autocentrada e sustentábel. Isto non se debe asociar á eliminación de comercio exterior, senón que este só debe ser un complemento para exportar os excesos de produción e obter bens que non se fabriquen no país. Non se debe esquecer que crise mundial (un reaxuste entre países e entre clases) sempre é máis aguda naqueles estados dependentes das exportacións e importacións. Daquela que os aranceis sexan ferramentas fundamentais para evitar o dumping económico dos grandes centros de poder e reducir os efectos destes reaxustes. Só deste xeito pódense colocar as empresas ao servizo da nación (da xente).

Cun capitalismo senil os aspectos negativos son cada vez máis intensos, como a reprodución a curto prazo das crises

Cun capitalismo senil os aspectos negativos son cada vez máis intensos, como a reprodución a curto prazo das crises, o aumento da presión imperialista aproveitando a excesiva dependencia comercial exterior, e o medre da especulación financeira, da fuga de capitais e da economía delituosa e militarista. Só con soberanía en todos os ámbitos e unha economía cun sector público determinante pódense evitar os efectos devastadores das crises, que sempre son maiores na periferia, nos países dependentes. Aínda hoxe estamos a pagar na Galiza os custes sociais e demográficos da anterior crise, e todo reflicte que xa está entrando pola porta outro novo reaxuste que se nos pretende impoñer.
https://obloguedemera.wordpress.com/