O programa Musiqueando 2020 incorpora novidades para adaptar a convocatoria ás necesidades de concellos e asociacións, e para seguir sostendo a actividade cultural e formativa que se desenvolve arredor da música.
O programa, que pretende difundir a música tradicional e potenciar as festas populares, artéllase coa mesma dinámica doutros anos. A partir da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOPA), os grupos tradicionais, corais e bandas poderán acollerse a este programa da área de Cultura que, logo, ofrecerá ese catálogo de actuacións a concellos, asociacións e comisións de festa.
“A situación sanitaria está a dificultar a realización das festas, pero hai concellos e asociacións que están facendo un esforzo por manter a actividade cultural, con fórmulas novas, compatíeis coas medidas de prevención de contaxios por coronavirus. Desde a Vicepresidencia, queremos recoñecer ese esforzo e apoialo correndo con todos os gastos das actuacións”, sinalou a vicepresidenta da Deputación, a nacionalista Maite Ferreiro.
Por outro lado, a convocatoria estabelece que, no caso de que as circunstancias sanitarias impidan realizar as actuacións concertadas ao vivo, os grupos teñen a opción de facer unha gravación audiovisual que a área de Cultura difundirá a través das súas canles dixitais.
“Cremos que é importante que estes recursos cheguen aos grupos, corais e bandas xa que son fondos que logo empregan ao longo do ano en actividades culturais e formativas. Moitas das agrupacións que participan no programa, ademais de actuaren para o público, dan clases de música e de baile”, explicou Maite Ferreiro.
Son as asociacións as que, organizando eventos nos seus concellos, nas súas comarcas, garanten que as actividades culturais cheguen a todos os lugares e a todas as persoas”, concluíu Ferreiro.
“Nun ano atípico e difícil coma este, o nos principal obxectivo é seguir sostendo o tecido asociativo, para que cando todo volva á normalidade, a cultura de base recupere a súa forza. Son as asociacións as que, organizando eventos nos seus concellos, nas súas comarcas, garanten que as actividades culturais cheguen a todos os lugares e a todas as persoas”, concluíu Ferreiro.
O programa conta cun orzamento de 180.000 euros.
Requisitos de participación, contías e datas
Musiqueando está aberto á participación de todos grupos de música tradicional, corais e bandas que teñen a súa residencia ou sede social na circunscrición de Lugo. Os modelos de solicitude publicaranse a próxima terza feira 11 de agosto no BOPA, xunto as bases da convocatoria.
O importe das actuacións estabelécese en función do tipo de grupo e do número de integrantes, variando entre os 750 e os 2.500 euros. Os concellos e asociacións terán que programalas entre o 19 de setembro e o 29 de novembro.
O último mes do ano resérvase para tramitar os expedientes e xustificacións, co obxectivo de que os grupos reciban o pago das actuacións no menor tempo posíbel.