Nova concentración no Obradoiro polo dereito a ter vacas en Compostela

O concello de Compostela segue sen responder ao recurso presentado polo gandeiro a quen se lle impuxo unha 500 euros porque as súas vacas lixaron a vía pública.

Concentración no Obradoiro
photo_camera Concentración no Obradoiro

Co fin de reclamar unha resposta afirmativa ao recurso de reposición presentado polo gandeiro condenado a pagar unha sanción de 500 euros polas súas vacas teren luxado a vía pública, o BNG volve convocar unha nova concentración na Praza do Obradoiro esta cuarta feira, antes do comezo do pleno (16 h). 

O BNG considera que a sanción é “un novo e inaudito ataque á produción agrogandeira, sector estratéxico no noso país” e por iso chama á participación na concentración que se desenvolverá na Praza do Obradoiro o día 30 á partir das 16 horas, unha hora antes do comezo do pleno ordinario de xaneiro. 

A concentración prodúcese dous meses despois de que BNG e FRUGA promoveran no mesmo espazo unha concentración para esixir a retirada da multa, tamén á hora de se realizar o pleno municipal. Reclamaban, ao igual que no acto deste día 30, a eliminación da multa a Jorge Piñeiro, gandeiro da aldea de Reboredo, na parroquia de Enfesta, acusado de que as súas vacas deitaran bosta nunha vía da concentración parcelar. "A bosta nas pistas non é delito!” e “Vacas si, multas non!” foron algúns dos cánticos que entón se sentiron no Obradoiro.

Comentarios