Unha nova campaña reivindica a liberación da peaxe Vigo-Redondela

O BNG exixe a comparecencia do ministro Ábalos no Congreso ante o atraso nas rebaixas das peaxes da AP-9 e a liberación do tramo Vigo-Redondela.
O BNG exixen a activación inmediata de bonificacións de peaxes e a liberación do tramo Vigo Redondela
photo_camera O BNG exixe a activación inmediata de bonificacións de peaxes na AP-9 e a liberación do tramo Vigo-Redondela (Foto: Nós Diario)

A aplicación dos descontos das peaxes na autoestrada AP-9 e a liberación de portaxes do tramo Vigo-Redondela, previsto nos Orzamentos Xerais do Estado de 2021, centra a reivindicación do Bloque Nacionalista Galego, que esta cuarta feira, 17 de febreiro, levou a súa campaña por unha AP-9 pública, transferida á Galiza e gratuíta á parroquia de Chapela, en Redondela. A forza nacionalista exixe que se dea cumprimento ás rebaixas das portaxes previstas nos orzamentos e que previamente foran acordadas entre o BNG e o PSOE na investidura de Pedro Sánchez. 

De feito, esta cuarta feira, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, solicitou a comparecencia na Cámara do Ministro de Transporte, José Luis Ábalos, para que dea explicacións sobre por que aínda non foron aplicadas as medidas. 

A formación nacionalista escolleu Redondela para presentar unha campaña social que se desenvolverá en toda Galiza contra a "ultraxe" da AP-9 e para exixir ao Goberno estatal que cumpra "coa máxima urxencia" os seus compromisos. Nun acto simbólico, a deputada nacionalista Alexandra Fernández e os portavoces municipais de Vigo e Redondela, Xabier Pérez Igrexas e Xoán Carlos González, despregaron unha pancarta na saída da autoestrada en Rande co lema 'Basta de ultraxe a Galiza'.

 "Tiveron todo este tempo para facer os cambios normativos necesarios, por iso non podemos aceptar que a única previsión sexa a do primeiro semestre do ano", advertiu da deputada Alexandra Fernández.

Tras lembrar que hai partida orzamentaria para implementar esas bonificacións, cualificou de "inaceptábeñ" que o Ministerio de Transportes alegue agora "dificultades", e cualificou como "escusas" as explicacións do Goberno español.

Na mesma liña, o concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, lembrou o rexeitamento "unánime" dos cidadáns á "estafa" das peaxes na AP-9, e criticou o "cinismo" do PSOE que, tras dicir que o compromiso do Goberno é firme, votou en contra dunha moción do BNG no pleno de Vigo para exixir que ese compromiso se faga efectivo.

Mentres, o portavoz municipal do BNG en Redondela, Xoán Carlos González, denunciou o grave prexuízo que supón a peaxe de Rande-Chapela para a veciñanza de Redondela, que leva "máis de 30 anos sufrindo" esta situación. Así, subliñou que a eliminación deste pago permitirá mellorar a mobilidade na parroquia de Chapela e reducir o tráfico.

Comentarios