Imprimir

Nova ameaza armada de cara á toma de posesión de Biden

Redacción | 12 de xaneiro de 2021

Seguidores de Donald Trump, ás portas do Capitolio o 6 de xaneiro (Essdras M. Suarez / ZUMA)
Seguidores de Donald Trump, ás portas do Capitolio o 6 de xaneiro (Essdras M. Suarez / ZUMA)
Donald Trump elude calquera responsabilidade sobre o asalto ao Capitolio e asegura que o novo 'impeachment' é continuación da "maior caza de bruxas política" da historia.

Miles de extremistas armados,  seguidores do presidente dos EUA, Donald Trump, estarían planeando rodear o Capitolio en Washington, a sede do parlamento federal, de cara á toma de posesión do presidente electo, Joe Biden, o próximo 20 de xaneiro. Esta é advertencia que foi realizada aos membros do Congreso nas últimas horas, segundo informou onte CNN citando varios destes congresistas.

A comisión encargada de organizar a toma de posesión de Biden avanzou que xa hoxe se porá en marcha un dispositivo  especial de seguridade no Capitolio. Tamén, na propia cidade de Washington xa se incrementou a presenza de axentes federais, estatais e locais, en preparación de novos episodios de violencia.

A alcaldesa, Muriel Bowser, pediu na segunda feira á cidadanía estadounidense que seguisen "virtualmente" a toma de posesión de Biden e que evitasen viaxar a cidade na próxima semana, alertando de "faccións moi extremas no noso país que están armadas e son perigosas."

Ademais, a petición de Bowser, o presidente Trump declarou o estado de emerxencia en Washington de cara á cerimonia da vindeira cuarta feira.

As novas advertencias chegan un día despois das realizadas polo FBI, que na segunda feira alertou o resto de autoridades e axencias federais da posibilidade de "protestas armadas" nas diferentes capitais estatais durante os días previos á toma de posesión de Joe Biden.

Segundo a información da axencia policial federal, un grupo de extrema dereita estaría promovendo un novo "asalto" a oficinas gobernamentais en todos os Estados en caso de que Trump sexa destituído antes da posesión de Biden. Ademais, habería ameazas tanto ao presidente electo como á súa vicepresidenta, Kamala Harris, e á presidenta da Cámara de Representantes, Nancy Pelosi.

"Discurso apropiado"

A respecto da situación da última semana e da posibilidade de ser inhabilitado falou onte o propio Trump. O aínda presidente insistiu en que o discurso previo ao asalto ao Capitolio foi "totalmente apropiado", ao tempo que chamou á "non violencia". 

Ademais catalogou de "perigoso" que os demócratas o queiran volver apartar do cargo ─xa o tentaron en 2020─. "En realidade é a continuación da maior caza de bruxas da historia política. É ridículo", manifestou.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/nova-ameaza-armada-cara-toma-posesion-biden/20210112201311113609.html


© 2021 Nós Diario