Nova acción poética desde Guitiriz: poemas nas farolas

O colectivo Nova Poesía Guitirica vén de anunciar outra novidosa iniciativa poética para "sacar a poesía do armario".

NPG encherá de poesía as farolas dos núcleos urbanos de Guitiriz entre os días 28 de decembro e 3 de xaneiro. E faráo a través de autocolantes con poemas dos membros do colectivo: Fátima Fernández Chascarraschás,  Judiña de Lea, Pas Veres, Luz Campello, Mar Beres, Xelo Teijido, Jaki Quintela, Antón de Guizán,  José Antonio Cascudo e José André Lôpez Gonçâlez, que achegarán cada un deles dous poemas para ese cometido.

Fátima, a benxamina do grupo e promotora da idea, irá máis aló, e levará os seus poemas coa colaboración de outros membros do grupo e amizades, fóra do concello coa mesma fórmula. Segundo o NPG, trátase dun “modelo de edición que non agarda polo lector senón que o aborda pola rúa”. Os poemas serán colocados nas farolas á altura da vista para a cómoda lectura dos peóns ao seu paso polas principais rúas.

En palabras de NPG, “Guitiriz,  a Terra Chá, Galiza, están empapadas de poesía e na NPG preténdese sacala do armario”. Este grupo poético constituise o 2 de outubre coincidindo co 25 cabodano da morte de Díaz Castro e ten realizado xa varios recitais colectivos. 

Comentarios