Opinión

Notas ao vivo: A xuíza, os Franco e as estatuas do Mestre Mateo (39)

Un bo amigo sinaloume o camiño para, de xeito informativo e obxectivo, escribir estas “notas ao vivo” que aquí ven a luz. A xuíza Adelaida Medrano Aranguren, do Xulgado número 41 de Madrid, desestimou a demanda interposta polo Concello de Santiago contra os herdeiros da familia Franco no caso das estatuas do Mestre Mateo, dúas obras de arte que foron obxecto de latrocinio por parte de Carmen Polo, muller de Franco, e polo propio ditador. O propietario das dúas obras de arte do século XII era no seu día, documento notarial incluído (1948), o Concello de Santiago, mais no ano 1954 as pezas que representan a Abraham e Isaac apareceron por arte de maxia no Pazo de Meirás. E agora lemos na prensa que a xuíza Medrano Aranguren “avala o espolio das estatuas do Mestre Mateo polos Franco”.

Na hemeroteca do xornal ABC, “Blanco y Negro (Madrid), 21-07-1962, Páxina 91”, pódese ler o seguinte: “BODA EN MADRID. En la Iglesia de San Jerónimo el Real se verificó el enlace de la señorita María Luz Aranguren de las Heras y don Carmelo Medrano Salto, apadrinados por la madre de él, doña Adelaida Salto García-Margallo, y el padre de la novia, general don Celestino Aranguren Bourgón. Ofició el vicario general castrense y arzobispo de Sión, Dr. Alonso Muñoyerro, y ostentó la representación judicial el padre del novio, general don Carmelo Medrano Ezquerra”.

A xuíza Adelaida Medrano Aranguren é froito, pois, do matrimonio do que informa o xornal madrileño, sendo o seu pai, na actualidade, Carmelo Medrano Salto, Xeneral de Brigada do Exército de España.

Seguíndomos a hemeroteca de ABC, o 8 de outubro de 1969 podemos ler: “Su Excelencia el Jefe del Estado y General de los Ejércitos ha recibido en audiencia militar, en el día de ayer, en su residencia del Palacio de El Pardo, a los siguientes señores” (...) E entre eles figuraban “don Carmelo Medrano Salto y don Félix Porras Blanco, capitanes de Infantería del S.E.M., acompañados de sus respectivas esposas, doña María de la Luz Aranguren de las Heras y doña Adelaida Medrano Salto”.

Xulguen vostedes. O 24 de outubro de 2017 a Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados aprobaba por unanimidade de todos os Grupos unha Proposición Non de Lei na que se instaba ao Goberno, ao Ministerio de Cultura e á Fiscalía do Estado a actuar para proceder á devolución das esculturas “roubadas” do Mestre Mateo ao seu lexítimo propietario, o Concello de Santiago.

Visto o visto, eu dedicareime nos próximos días á lectura do libro de Carlos Jiménez Villarejo e Antonio Doñate titulado “Jueces pero parciales. La pervivencia del franquismo en el poder judicial”. Trátase de entender mellor a realidade.


 

Comentarios