Opinión

Notas ao vivo: A voltas coa estupidez humana (54)

Ben saben vostedes que existe un libro do húngaro István Rath Vegh, atribuído en forma de plaxio a Paul Tabori, que leva por título “Historia da estupidez humana”. E tamén é ben coñecido o ensaio do historiador e economista Carlo Maria Cipolla titulado “As leis fundamentais da estupidez humana”, un texto de filosofía satírica —e eu diría tamén crítica e cáustica— que comeza cunha frase que resulta absolutamente actual: “A humanidade atópase nun estado deplorábel”.

O libro de Cipolla, publicado en 1976, versa sobre o que o propio autor denomina a maior ameaza existencial que ten lugar entre nós, a estupidez que aniña nun número, sempre subestimado, de seres humanos. Unha persoa estúpida, afirma o profesor italiano, é unha persoa que causa dano a outra persoa ou grupo de persoas sen obter, ao mesmo tempo, un proveito para si, ou mesmo obtendo un prexuízo”. Mais non sempre é así. Porque todos coñecemos persoas estúpidas que causan dano a outra persoa ou a un colectivo e chegan a obter beneficio, aínda que este teña só valor temporal ou data de caducidade.

O certo é que nun mundo no que se ten desenvolvido un importante coñecemento humano a través das ideas e das artes e un evidente coñecemento científico e tecnolóxico, a estupidez humana semella sempre estar en primeiro plano e mesmo situarse nos espazos do poder, constituíndose ademais nunha verdadeira ameaza para todo o planeta. Como di o físico Brian Cox, unha das probas, entre outras, da actual estupidez humana é que a extinción da nosa especie podería deberse a algo tan absurdo como un accidente nuclear; é dicir, que alguén prema, por exemplo, un botón que non debera premer.

¿Estupidez humana hoxe, viva e actuante? Sen máis, un nome inmediato: Donald Trump. Mais a estupidez humana que dirixe os nosos días é a que aproba a deforestación, provoca a contaminación ambiental ou fomenta o cambio climático, levando o noso mundo a un colapso ecolóxico a escala planetaria. Xa a Organización Mundial da Saúde advirte hoxe que o 92% dos habitantes do planeta respira ar con índices de contaminación altamente perigosos, que poden provocar máis de 100 enfermidades mortais, entre elas diversos tipos de cancro. É dicir, a contaminación acaba coa vida humana. ¿E non é entón absolutamente estúpido (estupidez sistémica) permitir a contaminación causada pola actividade humana? Como deixou dito Eduardo Galeano, lúcido e visionario, temos, hai moito tempo, gardado dentro de nós un silencio bastante parecido coa estupidez. E tal vez por iso acontece o que acontece.

Comentarios