Opinión

Notas ao vivo: Urbano Feijóo e os escravos galegos (16)

De Urbano Feijóo de Sotomayor sábese que, nacido en Viana do Bolo —onde posuía casa patrucial—, finou na mesma vila en 1898, o mesmo ano no que viñan ao mundo Carré Alvarellos, Valentín Paz-Andrade e Federico García Lorca. Ademais de militar, empresario e comerciante, o tal Feijóo foi tamén deputado no Congreso por Ourense en 1854, por Verín en 1872 e polo distrito de Matanzas (Cuba) en 1881. A primeira vez que eu tiven noticia do tal Feijóo foi por Xosé Neira Vilas, que me falou no seu día dun deputado ourensán que tiña proposto nas Cortes levar a Cuba 50.000 galegos por un tempo de 15 anos, cun salario de 6 pesos mensuais, o cal era pura miseria. A tal proposta foi aprobada nas Cortes e o empresario de mercadoría humana creou aos efectos na Habana unha denominada Compañía Patriótica Mercantil, que importaba o material humano galego para logo ser vendido a 200 pesos cada “escravo” a propietarios de plantacións de azucre e café. O escritor de Gres, sempre cronista, explicaba que para os galegos utilizaban os mesmos cepos de castigo que usaban cos escravos africanos e que mesmo chegara a se producir unha sublevación colectiva e que o capitán xeneral da Illa ditara unha resolución, mobilizando o exército, “contra los gallegos cimarrones”.

Fica claro, pois, que o vianés Urbano Feijóo de Sotomayor era un auténtico comerciante negreiro; iso si, promotor e defensor dunha “escravitude branca” galega disfrazada de emigración. No valiosísimo traballo de investigación da profesora Ascensión Cambrón Infante, titulado precisamente “Emigración gallega y esclavitud en Cuba (1854). Un problema de Estado”, fálase con toda claridade de “traballo escravo” e dáse conta de como antes de 1898 existía unha trama urdida entre o Goberno metropolitano, os traficantes de escravos e os poderosos sacarócratas para negarlle á poboación branca cubana, formada xa por galegos escravos, o acceso ás liberdades cívicas. A empresa negreira de Urbano Feijóo, totalmente legal no momento, fixou un “prego de condicións” para a “Inmigración de trabajadores españoles”, mais, como ben recorda Ascensión Cambrón, os traballadores galegos “estarían sujetos a ciertos castigos correccionales con arreglo a las ordenanzas” e tiñan que asinar unha cláusula que dicía textualmente o seguinte: “Yo... me conformo con el salario estipulado, aunque sé y me consta que es mucho mayor el que ganan los jornaleros libres de la isla de Cuba” (...)

Sempre seguindo a Cambrón Infante, os escravos galegos eran destinados a barracóns, sen as mínimas condicións de habitabilidade e hixiene, pasaban un tempo de “aclimatación” e despois eran directamente vendidos como “mercadoría” humana ao mellor ofertante. 500 deles morreron en poucos meses e sábese por un xefe da empresa negreira na Habana, Ramón Fernández Armada, que malvivían en “fétidas estancias, cargados de grillos y cadenas, desnudos y descalzos, alimentados con carnes descompuestas que los negros africanos rechazan”. O tema, é certo, chegou ás Cortes españolas (o relato das discusións parlamentares que realiza Cambrón é excelente), mais boa parte do Parlamento ollou para outro lado, e Feijóo, a pesar de ficar cancelada a súa operación empresarial, mantivo no seu peto os 140.000 pesos cos que subsidiaba a “trata” de galegos a Junta de Fomento de la Habana máis os 119 pesos que cobraba por cada escravo galego entregado aos seus amos.

Cando o criminal Feijóo, que tamén era Coronel de Infantería, tivo que deixar de “branquear” Cuba con escravos galegos regresou a Ourense para logo instalarse en Madrid como deputado. Nada se fixo contra el. Nin contra outros coñecidos “negreiros” galegos que se lucraron coa trata; Juan Francisco Barrié entre eles, que coñecía ben a experiencia escravista na costa de Guinea.

Os negreiros galegos, coruñeses, vigueses e composteláns, preferentemente, destruíron toda a documentación existente nas súas empresas. Pouco máis podemos saber do que se sabe. ¿Ou si? Velaí os traballos iniciais de María Xosé Rodríguez Galdo e de Ascensión Cambrón Infante. Mais conviña teimar no camiño da investigación sobre a escravitude galega en América. O poeta Manuel Curros Enríquez no seu primeiro poema en galego, titulado “Cántiga” (1869), máis coñecido como “Unha noite na eira do trigo”, con música de Xosé Castro “Chané”, deixounos unha “marca” ben nidia. O emigrante/escravo galego a América, que deixa a moza no país chorando “sen trégolas”, viaxa nun “aleve negreiro vapor”.

Comentarios