Opinión

Notas ao vivo: Unión Europea criminal (65)

Un grupo internacional de avogados, entre os que se encontran nomes de alto prestixio profesional e académico —véxase, por exemplo, o profesor, Omer Shatz da Universidade de París—, dirixiu un documento (242 páxinas) á Fiscalía da Corte Penal Internacional da Haia no que se presentan probas que implican á Unión Europea, e a funcionarios e representantes dos Estados que a compoñen, en casos que evidencian a comisión de crimes contra a humanidade. Veremos o que acontece con isto.

Agora, diante do caso extremo do Open Arms, eu lembro as palabras de Carola Rackete, capitá da nave de salvamento Sea Watch, cando decidiu entrar sen autorización, con 42 náufragos a bordo e desobedecendo ao Goberno italiano, no porto de Lampedusa: “Entramos no porto non por provocación senón por necesidade, por responsabilidade. Sei ao que me arrisco, mais os 42 náufragos están ao límite. Lévoos a salvo. E agardo que as autoridades europeas e italianas entendan a situación”. E o fascista Salvini tivo que tragar con todo, pois unha xuíza italiana deulle a razón a Carola Rackete e propinoulle unha labazada moral ao admirador de Mussolini.

O certo é que estamos a vivir, como xa se ten denunciado unha e outra vez, un auténtico “holocausto” no Mediterráneo polo incumprimento flagrante da legalidade internacional e das leis do mar. ¿E que fai a Unión Europea ao respecto? Quen o ten moi claro é a presidenta do Consello Xeral da Avogacía Española, Victoria Ortega: “O trato que reciben os refuxiados inmigrantes en Europa, aos que se lles vulneran os seus dereitos a diario, é un crime de lesa humanidade”. E engade a tamén profesora de Dereito Procesal da Universidade de Cantabria que hai que facer “canto estea na nosa man para que algún día os responsábeis sexan xulgados na Corte Penal Internacional”.

O que verdadeiramente acontece no Mediterráneo, moitas veces por reacción e case sempre por exclusión, é, ademais dunha actitude xenófoba por parte da Unión Europea, un crime social. Ou, na linguaxe de Engels e de Marx, un “asasinato social”. E até o papa Francisco tomou partido: “A morte dos migrantes no seu camiño a Europa é un crime que ofende á humanidade”. Se a xustiza fose a “raíña das virtudes republicanas, sostendo a igualdade e a liberdade” (Simón Bolívar), os máximos responsábeis e dirixentes da Unión Europea deberían pasar un tras outro pola Corte Penal Internacional. Manteñamos esa esperanza.

Comentarios