Opinión

Notas ao vivo: Rubores de España (60)

Corría o ano 1913 e Antonio Machado escribía “Esa España inferior que ora y bosteza, / vieja tahúr, zaragatera y triste; / esa España inferior que ora y embiste / cuando se digna usar de la cabeza”. Nada que ver Machado con Unamuno ou con Azorín ou con Baroja, ou con aquel Ganivet cuxa cegueira intelectual o levaba a proclamar que “no interior de España habita la verdad”. Manda chover na Habana!

Eu lembrei os versos de Machado canto tiven noticia de que o actual arcebispo de Burgos defende, por escrito, que as mulleres vítimas de violación deben resistirse até a morte para defender, di esta autoridade católica, a súa “castidade”. ¿Que lles acontece á maioría de bispos e arcebispos españois? Porque o arcebispo de Toledo tamén dixo, esta vez en “homilía”, que, “frecuentemente, la reacción machista tiene su origen en que la mujer ha pedido la separación”. E o bispo Munilla, o de Donostia, non dubida en afirmar que o aumento da “violencia de sexo” ten a súa orixe na “revolución sexual” e que o número de mulleres asasinadas por violencia doméstica “medra máis alí onde se ten introducido esa suposta liberación sexual”. Xulguen vostedes. ¿Por que a Igrexa católica española leva décadas silenciando os casos de pederastia e outros abusos sexuais levados a cabo no seu seo? Falen do tema bispos e arcebispos.

¿E que acontece na España que con-funde nación e Estado e que segue a reclamarse e autoidentificarse como “Única”, como “Todo”? A España de todas as corrupcións, dende as do Partido Popular, por ben coñecidas, ás que afectan á Casa Real, pasando por coñecidos comisarios, banqueiros, oligarcas e sinaladas universidades. A España “democrática” das máis de 5.000 foxas comúns e das 130.000 persoas asasinadas, aínda hoxe non recuperadas e enterradas dignamente. A España da Fundación Franco e do torturador Billy el Niño e as súas catro medallas. A España das “devoluciones en caliente” e dos abusos policiais condenados polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. A España obsesionada co fútbol e coa mediocridade baduante televisiva. A España líder en desafiuzamentos e execucións bancarias. A España da pobreza infantil (a máis alta da Europa occidental) e dos presos políticos. A España que ignora, minoriza e despreza maioritariamente a realidade plurinacional do Estado e as súas culturas milenarias, os seus idiomas e as súas literaturas.

A España, Hespaña para Castelao, “cuio nome tivemos que humedecer cunha letra de máis para facelo respeitable aos nosos ollos, pois do seu goberno sóio se nos ocurre decir que é máis odioso por hipócrita que por tiránico”. Palabras na historia. E esta segue o seu curso. Hespaña e os seus rubores hoxe, as súas vergoñas hoxe. “Deformación grotesca da civilización”. Valle-Inclán, amigo de Castelao, quen foi un dos portadores do cadaleito do autor das “Comedias Bárbaras”, segue a ter razón.

Comentarios