Opinión

Notas ao vivo: Pilar Pallarés (58)

Acaba de recibir a poeta Pilar Pallarés a máxima Homenaxe da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (XXV edición), un recoñecemento e unha celebración que leva por título “A Escritora na súa terra” e que inclúe como elementos centrais o descubrimento dun Monólito conmemorativo, a plantación dunha Árbore e a concesión da Letra E (de “Escritora”) en forma de peza escultórica. A I edición desta Homenaxe, lémbroo moi ben, fora dedicada no ano 1995 a Antón Avilés de Taramancos, e despois, baixo a responsabilidade de Uxío Novoneyra e de quen aquí escribe, viñeron Bernardino Graña, Manuel María, María Xosé Queizán, Xosé Neira Vilas, o propio Novoneyra (en homenaxe póstuma) e Luz Pozo Garza no ano 2001. Mais a día de hoxe xa van 25 edicións, todas elas convenientes e necesarias, culminando agora con Pilar Pallarés todo un cuarto de século destinado a facer real unha forma de “xustiza poética” preceptiva e sistemática: ese “modo artístico en que opera a xustiza”, que nos dixera Alexander Parker.

Pilar Pallarés, dende que eu a coñecín a comezos da década dos 80 do século pasado, pasou a ser centro da miña admiración, do meu agarimo e da miña amizade. Eu lera Entre lusco e fusco (1980), e aí xa descubrira a poeta, mais despois agasallounos con Sétima soidade (1984), que fora Premio Esquío, e a poesía elevábase agora a un “ar superior” e a unha “rexión lúcida”, que diría Baudelaire. E xa sempre foi así en todos os seus libros posteriores, e sobre todo, e para min, en dous deles que en certa maneira me acompañaron e me seguen a acompañar, mellorando a miña vida, dun xeito moi especial: Livro das devoracións (1996) e Leopardo son (2011).

Lembro eu sempre a Pilar Pallarés coa súa especialísima dozura persoal, coas súas palabras xustas e amábeis, co seu sorriso a formar parte xa en min como unha prendida nota viva da súa xenerosidade e da súa esplendidez como ser humano. Foi entrar en contacto por primeira vez coa poeta —e coido que foi a través de Francisco Pillado Maior— e foi nacer entre nós unha forma de confraternidade que xa nunca tería fin. A última vez que tiven o pracer de conversar coa poeta —e sempre foron e serán longas as nosas conversas— foi cando puxo nas miñas mans a fermosa edición do seu último libro de poemas, Tempo fósil (2018), unha luzada de poesía a queimar como unha brasa na nosa pel interior cando un le xa no primeiro poema do libro estes versos: “o incendio da memoria/ mentres se parte o esternón da casa”. Eu coñezo a historia. Contouma ela. E está no libro. A desaparición da historia da casa familiar construída polo pai de Pilar en Culleredo coas súas propias mans.

Luciano Rodríguez emparentou a Pilar Pallarés con Rosalía de Castro, Emily Dickinson, Alejandra Pizarnik e Clarice Lispector. Ten razón. Mais eu tamén a vexo brillando no máis alto con Avilés de Taramancos, José Ángel Valente ou Antonio Gamoneda.

Comentarios