Opinión

Notas ao vivo: Nazis en Bolivia (78)

Hai un libro da historiadora Irma Lorini que se titula precisamente Nazis en Bolivia (2016) e fálase nesta obra do ex xefe da Gestapo, o nazi Klaus Barbie, quen acabou refuxiándose en Bolivia para, despois de colaborar coa CIA e amasar unha considerábel fortuna en negocios de escura ralea, rematar sendo nomeado Xeneral “ad honorem” do exército boliviano e recoñecido como máximo impulsor da organización paramilitar e criminal “Los Ángeles de la Muerte”. ¿Lembran vostedes os cinco ditadores militares que entre os anos 1964 e 1982 gobernaron Bolivia? Dende René Barrientos a Luis García Meza, pasando por Hugo Banzer, Bolivia viviu 18 anos de ditaduras militares fascistas. Tal vez conveña repasar a historia.

A día de hoxe, tras o derrocamento do presidente lexítimo, Evo Morales, por un golpe de Estado liderado por paramilitares cristiano-fascistas, veñen a min imaxes que cobran valor en relación co pasado e que se proxectan vivas no gume do presente. Vexamos. A Unión Juvenil Cruceñista (UJC), con base na rexión boliviana de Santa Cruz e na que se formou o multimillonario golpista Luis Fernando Camacho, practica ben á vista o saúdo fascista e é ben coñecida a súa implicación en numerosos ataques a militantes de esquerda, campesiños, indíxenas e xornalistas levados a cabo nos últimos anos. E o denominado Comité Pro-Santa Cruz, actual niño político de Camacho, entidade “actora e promotora de racismo e violencia en Bolivia”, segundo a Federación Internacional de Dereitos Humanos, é tamén —esta vez segundo o New York Times— bastión de organizacións xenófobas como a Falange Socialista Boliviana, grupo fascista este que no seu día deu asilo ao nazi Klaus Barbie e do que foi líder o xeneral e presidente golpista, antes aludido, Hugo Banzer.

Toda esta xente, dende Luis Fernando Camacho a Branko Marinkovic, terratenente boliviano-croata, simpatizante do grupo fascista croata Ustashe e activo dirixente do Comité Pro-Santa Cruz, utiliza nas súas reunións, e moitas veces tamén en público, o saúdo nazi. E folga dicir que a Unión Juvenil Cruceñista, fundada en 1957, segue a lucir a día de hoxe no seu “logo” unha cruz que non oculta a súa proximidade formal coa esvástica nazi.

Visto o visto e sabido o sabido, tiren as persoas lectoras a súa debida conclusión. Neonazis en Bolivia? No canto de xudeus agora son “indios” os perseguidos, “cazados” e asasinados. Fascismo e odio racial en acción. E un silencio ominoso percorre medio mundo.

Comentarios