Opinión

Notas ao vivo: Sobre a Galiza invadida (29)

Exprésao perfectamente Castelao no Sempre en Galiza: “Sucedeu que Galiza foi vencida e asoballada polos Reis Católicos. (...) Sucedeu que a nosa Terra foi invadida por elementos civís, eclesiásticos e militares da Corte, alleos ao país”. Por outra banda, conta o historiador Emilio González López na súa memorábel obra La insumisión gallega. Mártires y rebeldes (1963) como o mariscal Pardo de Cela, alzado en Viveiro, iniciou un proceso de “lucha armada contra Fernando e Isabel” e unha “larga resistencia contra los Reyes Católicos” e as súas tropas reais. A historia de Pardo de Cela e o seu final é coñecida. E a frase a respecto da “doma” do cronista zaragozano Jerónimo Zurita, textual, figura na súa obra “Anales de la Corona de Aragón” (Libro XX, Cap. 69, 1562): “En aquel tiempo se comenzó a domar aquella tierra de Galicia, porque no sólo los señores y caballeros della; pero todas las gentes de aquella nación eran unos contra otros muy arriscados y guerreros”.

A invasión de Galiza —“domar aquella tierra de Galicia”— foi, como ben di Victoria Armesto na súa obra, interesantísima, Galicia feudal (1969), unha “acción guerrera”. É dicir, unha acción militar e violenta de conquista. Mais, recentemente, unha historiadora valisoletana, Amparo Rubio, autora dun libro sobre o reinado dos Reis Católicos en Galiza, publicado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas en Galicia —número 43 da serie Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos (sic)—, concluíu, sen pelos na lingua, que o reinado dos Reis Católicos en Galiza “tuvo efectos muy positivos”. 

Por sorte, historiadores como Anselmo López Carreira teñen claro que Galiza é un suxeito histórico en si mesmo, e que existen esquemas de investigación e de explicación histórica que non cadran en absoluto cunha historia científica centrada no propio suxeito nacional galego. O propio López Carreira, lúcido e documentado, ten moi claro que nos anos 80 do século XV o Reino de Galiza foi sometido a unha “auténtica ocupación militar que eliminou de maneira calculada e sistemática todos os referentes políticos propios, convertendo o país nun territorio politicamente desarticulado e enteiramente dependente de Castela”. E isto resulta, a todas luces, innegábel. O pasado, contrariamente ao que defendía Sartre, non pode modificarse.

Comentarios