Opinión

Notas ao vivo: Fiesta Nacional de España (22)

A denominación “Fiesta de la Raza” (“Día de la Raza” ou “Fiesta de la Raza Española”) como marbete para se referir ás celebracións do 12 de outubro comezou a ser utilizada no ano 1913, conmemorando así a data do “descubrimento” de América, e só a partir do ano 1958 se comezou a utilizar o rótulo “Fiesta de la Hispanidad”. Posteriormente, no ano 1981, aprobouse o cualificativo “Fiesta Nacional de España”, mantendo tamén “Día de la Hispanidad”, e xa en 1987 estableceuse o nome único de “Fiesta Nacional de España”, eliminando só oficialmente os termos “raza” e “hispanidade”. 

Mais no fondo e nas formas, nunca disimuladas, o que celebra o Estado español ou Reino de España é un xenocidio; é dicir, o masacre e o sometemento do continente americano, con desfile militar incluído. ¿E por que se celebra unha historia de saqueo e de explotación en forma de festa nacional e nacionalista española? Realmente a conquista de América foi obra inicial da Coroa de Castela, con Isabel a Católica á cabeza, e nunca está de máis lembrar aquí aqueles versos de Antonio Machado: “Castilla miserable, ayer dominadora,/ envuelta en sus andrajos desprecia cuanto ignora”. Porque ao fío destes versos do poeta sevillano véñenme á cabeza as imaxes dunha Castilla/España católica queimando en Granada centos de libros islámicos (1499) e outras, xa en 1562, botando ao lume para seren cinza os fermosísimos códices maias nunha grande fogueira atizada por frei Diego de Landa en Iucatán.

No fondo e nas formas, nunca disimuladas, o que celebra o Estado español ou Reino de España é un xenocidio; é dicir, o masacre e o sometemento do continente americano, con desfile militar incluído

 

Como ben lembra Eduardo Galeano, no seu “diario” do Descubrimento Colón escribiu 139 veces a palabra ouro e 51 veces a palabra Deus ou Noso Señor. E sabemos, porque consta no Arquivo de Indias, que só entre os anos 1503 e 1660 viñeron de América ao Reino de España 185 mil quilos de ouro e 16 millóns de quilos de prata. ¿E segue a celebrar a España de hoxe o roubo e a violencia, a cobiza e os asasinatos en masa, na “festa” do 12 de outubro? ¿Festéxase a escravitude e a morte de 8 millóns de indíxenas nas minas de Potosí? ¿É decente, no plano cívico/moral, en pleno século XXI, celebrar cun desfile militar, ateigado de “tics” franquistas, o exterminio de 90 millóns de persoas en territorio americano levado a cabo pola Coroa de Castela e a España subseguinte?

Realmente produce auténtica vergoña a día de hoxe que unha democracia europea —“amputada”, diría José Saramago— festexe a invasión sanguenta de América, entre pompa e ostentación, fastosidade e fachenda, situándose así nunha forma de imperialismo trasnoitado que mantén toda a súa sociopatía vixente, aquela que sempre unía e une raza, relixión e españolismo. A denominada Festa Nacional de España posúe, sen dúbida, unha clara raíz franquista —celébrase o mesmo día na que Franco a celebraba— e presenta un cóctel perfectamente equilibrado entre militares e monarquía, entre neofranquismo e nacionalismo español. E a dereita e a extrema dereita séntense felices. Xa teñen o seu Día. Propio. Exclusivo. Un día que don José Bergamín non dubidaría en definir como “aterrorizante”. Porque para quen foi un dos máis grandes intelectuais españois do século XX, o Estado español tiña que ser “sus pueblos, y no sus perros guardianes, sus gentes diversas, sus lenguas y su diversidad, y no la forzada unidad construída a fuerza de látigo, garrote vil y fosas comunes”. 

Comentarios