Opinión

Notas ao vivo: Dous libros de poemas (72)

Chegaron ás miñas mans, case por azar, dous libros de poemas. E tal feito fíxome lembrar aqueles versos de Pablo Neruda que figuran nunha das súas “Odas ao libro”: (...) “Un libro,/ sin soledad, con hombres/ y herramientas,/ un libro/ es la victoria”. En realidade, visto dende outra perspectiva, todos os libros, sexan filosóficos ou de creación literaria, son “sapienciais”, portas abertas ao coñecemento e á sabedoría. Mais tamén existe, diante dos libros físicos que se nos ofrecen materialmente, a emoción de telos e posuílos e a conmoción que provoca a súa lectura. Outra vitoria. E se os libros en cuestión, como é o caso, son de poemas, o “sapiencial” contense e aumenta en diversos planos, pois a poesía, como dicía Wordsworth, é o principio e a fin de todo coñecemento.

O primeiro libro ao que me quero referir titúlase “Três tempos” (2016), da autoría do poeta Luís Mazás, publicado por Q de Vian Cadernos, un proxecto editorial asociado ao colectivo poético A Porta Verde do Sétimo Andar. “Três tempos” é o primeiro libro individual de poesía de Luís Mazás que ve a luz, e brilla na súa portada unha impactante fotografía de Xacobe Meléndrez Fassbender. Libro este, pois, para posuír fisicamente, pola súa beleza, e libro tamén para nos emocionar polo que atesoura no seu interior: toda escrita é unha carta de amor, que diría Deleuze. Luís Mazás, vello amigo de quen isto escribe, preséntanos tres libros inéditos: “Abjecção a preto e branco”, “O fundo absurdo das paisagens” e “Road Movie”, escritos entre os anos 1995 e 2015. Velaí os “tres” libros/tempos. Premio de Poesía O Facho (2001) e Premio Terra de Melide (2001) polo primeiro dos libros incluídos en “Três tempos”, o noso poeta ten na raíz e no froito surrealista a súa estética principal, percorrida tamén esta por unha fina percepción, en moitos casos metafísica, dos accidentes do mundo e da vida. Agardamos, expectantes, novas entregas poéticas de Luís Mazás.

E o segundo libro que recibín en forma de agasallo e xa fixen meu titúlase “Arquitecturas” (2019), e é unha antoloxía poética, publicada pola luguesa M Editora, na que ademais de Luís Mazás, atopamos as voces de Manuel Alejandro Casal, Eilún del Pazo Moa, Manuel López Rodríguez, Alberte Momán, Ramiro Vidal Alvarinho e Clara Vidal, poeta esta última que eu lembro hai anos nalgún taller de poesía coruñés brillando ela xa con innegábel luz propia e calidade futura que agora xa é presente. “Arquitecturas” é unha boa mostra, en sete “universos”, da escrita poética galega actual, a que se converte en corrente diversa e necesaria —outra “vitoria”— a enriquecer o gran río universal polo que navega a expresión do máis activo e latexante que se escribe hoxe na República Independente da Poesía Galega.

Comentarios