Opinión

Notas ao vivo: Un conto ordinario (15)

O xornalista Reinhard Brunner tiña aquela noite problemas para prender no sono. Estivera a facer seguimento de varios programas televisivos nos que era tratada con certa naturalidade a figura do Chanceler Imperial, tantos anos despois, e percibía no ambiente un crecente espírito “revisionista” ou, mellor dito, “negacionista”, animado —reanimado, coidaba el—, porque a organización política Alternative für Deustschland —non lle saía iso da cabeza— fora capaz de enviar 94 deputados ao Bundestag co 12,6% dos votos. 

Dun tempo a esta parte nas canles televisivas ARD Das Erste, RTL e ProSieben tiñan entrevistado os xenerais e almirantes Hans-Georg von Puttkamer, Otto Hoffmann e Hermann Lütjens, para explicar á audiencia, moi interesada na cuestión, seica, o contido dunha “Declaración de respecto e desagravio ao Chanceler Imperial, Soldado Principal da Bundesrepublik Deutschland”, un manifesto protonazi asinado por máis de 800 militares na “reserva” e publicado nos medios de comunicación. Von Puttkamerd levara a cabo unha defensa moi acesa da figura militar de Hitler Pölzl —si, co seu segundo apelido—, “hoxe vilipendiada até extremos inconcibíveis, sen obxectividade ningunha, baseados na terxiversación da Historia e cuns fins espurios que fan arrubiar a calquera estudoso da verdade histórica”. E Otto Hoffmann e Hermann Lütjens coincidiran en afirmar que existía no momento actual unha “campaña infame” contra o Chanceler Imperial levada a cabo pola esquerda política para desprestixiar a súa gloriosa figura. 

Otto Hoffmann e Hermann Lütjens coincidiran en afirmar que existía no momento actual unha “campaña infame” contra o Chanceler Imperial

 

Na cabeza do xornalista Reinhard Brunner todo daba voltas. ¿Que acontecía, aquí e agora, despois de tantos anos de paz? ¿Seguía “vivo” dalgunha maneira o réxime xenocida? ¿En que tipo de democracia vivimos? No entanto a resposta era doada, acabou por colixir. Todo partía do acordo tomado, por ampla maioría, no Bundestag, órgano federal supremo lexislativo da Bundesrepublik Deutschland, para exhumar os restos do Chanceler Imperial que xacían na súa residencia inicialmente coñecida como Haus Wachenfeld, o que logo foi O Berghof, nos Alpes Bávaros. Unha casa, un refuxio e ao mesmo tempo un “mausoleo”, en Obersalzberg; un verdadeiro “templo”, como ben se sabe —lembrou o xornalista Reinhard Brunner—, que estaba “protexido” pola Igrexa Evanxélica Luterana e dirixido polo pastor de tendencias nacionalsocialistas Rudolf Krier.

-Papá, por que queren exhumar os restos de Adolf Hitler Pölzl?

-Porque son profanadores, fillo. O noso Chanceler Imperial, debes sabelo, entregou a súa vida na defensa da Bundesrepublik Deutschland e da Evangelische Kirche in Deutschland, e así lle foi recoñecido, por certo, polo Papa Pío XII.

Aquela noite de desvelo o xornalista Reinhard Brunner, divorciado e cun fillo de doce anos, cavilou na posibilidade de deixar a súa amada Deustschland e trasladarse a vivir ao Reino de España, unha verdadeira democracia, un país de limpo presente e prometedor futuro. En España, sabíao ben Reinhard Brunner, as cinzas do ditador e fascista Francisco Franco Bahamonde foran espalladas no seu día sobre as augas do río Manzanares e o mausoleo franquista coñecido como “Valle de los Caídos” había tempo que fora cedido ao Estado pola Igrexa Católica e agora era un Museo Memorial do Fascismo que albergaba tamén un Centro Universitario Internacional de Investigación pola Paz.

De repente o xornalista Reinhard Brunner ficou durmido. Cando espertou estaba en Madrid.
 

Comentarios