Opinión

Notas ao vivo: Carvalho e Bóveda (14)

 

Lembro perfectamente como don Ricardo Carvalho Calero se refería en todo momento a Alexandre Bóveda: sempre con afecto, con admiración e, na conversa, na emotividade da súa voz, tratado sempre coa chama viva da fraternidade. Carvalho fora cofundador no ano 1931 do Partido Galeguista e posteriormente compartillaría con Bóveda, Castelao, Lugrís Freire, Paz Andrade e Lois Tobío o Consello Directivo do mesmo. Referíndose a Bóveda, o autor de “Scórpio” sinala que, xunto a Castelao, Otero Pedrayo e Suárez Picallo, foise revelando como un “excelente orador” e “propagandista eficaz”, xa que, neste último caso, como técnico das finanzas e da economía que era, o seu labor consistía en fornecer datos concretos sobre os que apoiar os actos de propaganda do Partido. E isto semellaba fundamental.

 

Carvalho Calero, analizando a oratoria de Bóveda, fronte a un Otero tinxido de lirismo, un Castelao que unía mente e corazón —humor intelixente e sentimentalidade humanista— e un Suárez Picallo de voz poderosa e curtida na loita sindical en América, debuxa a figura dun político que era capaz nas súas intervencións públicas de argumentar con números e sinalar feitos concretos apoiados nas matemáticas, atinxindo deste xeito unha grande claridade explicativa que resultaba moi ben acollida polo auditorio. O conxunto dos catro políticos, di Carvalho, constituía unha equipa moi eficaz, moi compenetrada e moi completa.

 

Por outra banda, don Ricardo —e isto tamén o explicita nas para min moi entrañábeis “Conversas en Compostela con Carballo Calero” (1986)— define a Bóveda como un “gran organizador”, como un home de “conduta rectilínea” e capaz de “pór orde” no traballo político partidario. E isto ben o sabía e coñecía de primeira man Carvalho, pois no Anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza redactado en 1931 polo Seminario de Estudos Galegos traballara man a man con Alexandre Bóveda, sendo tamén redactores Tobío, Risco e Paz Andrade. Cando na IV Asemblea do Partido Galeguista (abril de 1935), Carvalho se manifesta a prol de entenderse no plano político con Izquierda Republicana —“non coido que teñamos fundado o Partido pra esmorecer contemprando o umbigo da Galicia”, Carvalho dixit—, Alexandre Bóveda estaría con el, e logo participaría tamén na formación da Frente Popular na Galiza.

 

A correspondencia entre Carvalho Calero e Alexandre Bóveda, desaparecida fatalmente, tería servido para iluminar, sen dúbida, a profunda relación de camaradaxe e irmandade que existiu entre os dous “irmáns” galeguistas e nacionalistas. Eu tamén me pregunto, como fai Aurora Marco, por que cando se fala de Alexandre Bóveda e de memoria histórica, e de toda a represión da que foron obxecto tantos homes e mulleres, nunca aparece o nome de Ricardo Carvalho Calero, tenente do exército da República, sometido a Consello de Guerra e condenado a 12 anos por rebelión militar. O seu amigo Alexandre Bóveda, desterrado a Cádiz en 1934, foi asasinado polo fascismo franquista e Carvalho Calero, salvada a súa vida por unha estrela ventureira no camiño, viviu un durísimo exilio interior. 28 anos despois da morte do ilustre polígrafo e mestre ferrolán, a súa figura segue a vivir outra caste de exilio e desterro perverso no seu propio país.

 

 

Comentarios