UN VERÁN EN GALEUSCA

A nosa arte de cada día

‘Un verán en Galeusca’ é un proxecto feito, por segundo ano consecutivo, entre VilaWeb, Berria e Nós Diario. A serie consta de doce relatos curtos, escritos por Mercè Ibarz, Biel Mesquida, Belio Zaballa, Esperança Camps, Danele Sarriugarte, Jimu Iturralde, Goaitz Labandibar, Unai Elorriaga, Emma Pedreira, Marica Campo, Séchu Sende e Daniel Asorey. Todos os relatos aparecerán ao longo do verán nos tres medios.
Ilustración de Tere Guix para o relato de Mercè Ibarz no 'máis. 
photo_camera Ilustración de Tere Guix para o relato de Mercè Ibarz

Onde estamos?, di o Aritz mentres saca o nariz á vida desde a barriga da nai. Algo lle teño que dicir, a súa nai e o seu pai non están para liortas e os avós, que viven todos fóra da cidade, non puideron acudir a darlle a benvida, son cousas que ocorren esta primavera que o Aritz nace. Por riba, o cativo fai a pregunta desde unha foto no móbil, vermello coma unha lapa, de esguello, está claro que non se fía de todo ou se cadra é que ten fame e non ceou —eran preto das nove da noite— e xa se decata de que a súa nai, con máscara, máis ben semella flotar polo espazo sideral e o seu pai chora e ri. O Aritz tamén se porá a chorar e a rir ao tempo, que xa dixera o vello Rabelais que iso é o que faremos toda a vida desde o intre de nacer. Dis que queres saber onde estamos, raparigo. Verás.

Os bebés non ven nada segundo din, pero se cadra non é certo de todo, como que ninguén se lembra, non hai memoria visual compartida e os investigadores do eido gárdano para as publicacións académicas e listo. Digo, seméllame, eh. Non é que teña gañas de ofender senón que renunciei a calquera afección, que teño unha idade e digo o que me peta. O homiño que agora me olla polo móbil sinala cos ollos algunha cousa tras de min. Non na foto que vos dicía, senón desde o primeiro vídeo que o seu pai me enviará a partir daquel momento de graza, así que o vexo rir e chorar ao tempo e, ademais, os ollos choromiqueiros son dardos brillantes cara a atrás miña, alá ve máis que min! Direino con palabras rabelesianas que me apropio para evitatr confusións:

'Amigas e amigos lectores que este conto ledes,renunciade a calquera afección, e cando o leades non vos escandalicedes: non contén mal nin infección, por ben tampouco gran perfección. senón aprendedes, cando menos ride: o meu corazón non pode escoller ningunha outra materia cando veu o desacougo que vos consume e vos afunde; mellor é escribir da risa que non da dor, porque o propio humano é rir’

Olla, Aritz, estamos máis ou menos aquí. Se queres perfección, mal e infección cumprirá aceptar. Se non queres infección nin mal –e de momento, non, neno, que mal dabondo o pasamos mentres agardabamos que saíses da barriga da túa nai e fóra a situación éche peor– non agardes gran perfección ningunha. Unha perfección miúda, olla, porque non. Como o teu choro e risa, a túa risa e choro. Que alegría, meu. Continuamos. Se non podemos sacar ensinanza ningunha polo momento, cando menos rimos. Que cousa, miña tía. Que temos que aprender, pregunta o parviño e óllame aínda máis e máis fixo e sinala aínda máis tras de min e chora e ri. Es cativo de máis, rapaciño, para comezar xa coa moral da historia, éche mellor que arestora de momento aprendas a mamar, cagar, mexar, durmir sobre todo, sentir e recoñecer as voces que che falan con ton pailaroco e irte afacendo á idea. Non, miña tía, non o quero saber arestora. Porque ri o tío? É a el a quen olla o meniño, ao home tranquilo que teño detrás que ri e ri e sorrí e ri porque el é así, o home riseiro, porque lle digo ao Aritz con palabras miúdas como el: 'Porque o propio do home é rir'. E Aritz creo, pero ao pouco volve, con outra pregunta: Que é o desacougo, miña tía? Que quere dicir que vos consume e vos afunde?

Recoiro co rapaz. É un xeito de dicir, Aritz, non o tomes ao pé da letra. De dicir o que? E que quere dicir xeito de dicir? Estoume comezando a abafar, non sabía que ser tía fose tan comprometedor. Este cativo é coma unha caixa daquelas antigas dos boticarios para gardar menciñas finas decoradas con motivos grotescos e riseiros, como a faciana que ten arestora o Aritz. Se cres que non ve nin ten aínda nada que dicir sorrí só de velo porque a cariña e as pernas e manciñas debuxan no aire risos, pero se che colle na póla como agora a min este neno, a caixa antiga abre e vai e resulta que o mestre Rabelais volve ter a razón porque sae un filósofo antigo: coñecemento sobrehumano, virtude marabillosa, afouteza invencíbel, sobriedade incomparábel, ledicia verdadeira, confianza absoluta, desinterese incríbel cara a todo o que aos humanos tanto lles preocupa, corren, traballan, navegan e loitan. O desacougo,miña tía, son as rúas desertas? Uf, que lle digo.

Un chisco si, neniño, un chisco si que o son. Non te puidemos vir coñecer até que tes un mes, e moramos a carón en metro! As rúas desertas, coñecíchelas, miña tía? Si, un chico, si. E olla, Aritz, o desacougo é este: ter que ler no xornal palabras como as que che direi: A beleza que construímos só a comprendemos cando a baleiramos de nós. Non me fagas caso ningún.

Deixa de ler parvadas, miña tiña.

Dabondo que lle digo, rapaz, se cadra a ti crerache máis, di o home riseiro tras min.

Tedes toda a razón.

E choramos e rimos ao tempo. 

Esta peza publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.

Comentarios